 
 
Compañías chinesas asinan 14 acordos comerciais no sector alimentario, no das telecomunicacións e no dos estaleiros, entre outros.
 
											Papandreou recibiu a Zhang Dejiang
"O goberno alentará os empresarios chineses a viaxar a Grecia para acordos de asociación e de investimentos", afirmaba este martes o viceprimeiro ministro da China, Zhang Dejiang, após a xuntanza co seu homólogo grego, Theodoro Pangalos, onde asinaron 14 acordos comerciais. 
  Zhang, que visita Grecia deica esta quinta feira encabezando unha delegación de empresarios do seu país, expresou a "vontade común dos dous países de reforzar as súas relacións e de facer fronte conxuntamente" aos efectos da crise, principalmente europea. 
  Dos contratos, de "varios centos de millóns de euros", hai sete entre o xigante chinés Cosco e estaleiros gregos para a encomenda de sete cargueiros (coa opción doutros oito), para o envío de seis buques do mesmo tipo e para a creación dunha empresa conxunta.
Ademais, chegouse a un principio de acordo entre a construtora chinesa BCEG e o grego Helios Plaza para a construción no porto de Pireo, perto de Atenas, dun vasto complexo hostaleiro. E o grupo de telecomunicacións grego OTE asinou un de cooperación co chinés Huawei Technologies.
Catro grupos alimenticios chineses importarán tamén aceite de oliva grego. Segundo informou este martes o diario Financial Times, China planea investir a maiores miles de millóns de euros no sector aeroportuario, a construción naval e a loxística de Grecia.   
  O 'tigre asiático' que está a expandir a súa economía por todo o mundo, especialmente en África e Latinoamérica, tira proveito dos incentivos do goberno grego e dos prezos rebaixados. Ademais, a estratéxica situación xeográfica de Grecia fai desta unha porta de entrada de China nos Balcáns e no resto de Europa.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto