O delegado rexio deste ano, o alcalde de Mondoñedo, incidiu tamén "nos múltiples problemas" da sociedade, por mor dun modelo económico "fondamente inxusto".
Acto na Casa do Concello de Lugo
A crise económica e a defensa dos nosos sinais de identidade como nación confluíron no discurso pronunciado este domingo na catedral de Lugo na tradicional ofrenda anual do Reino de Galiza que se celebra desde 1669.
Nesta ocasión actuou como oferente o alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz (BNG), que centrou a súa intervención nos "múltiples problemas" que padece a sociedade, derivados dun modelo económico e social "profundamente inxusto".
"Asistimos impotentes ao mandato imperativo dos mercados e ao paradoxo de que os artífices da crise impón as súas solucións á conta dos erarios público para perpetuar os intereses especulativos do capital financeiro", afirmou.
Corren malos tempos -engadiu-, sobre todo "para os que pagan sempre os pratos rotos", mentres que "a nosa fermosa e rica Galiza morre de angustia e crucificada en sombras", dixo, e asegurou que "asistimos ao feito de a política terse engurrado diante da economía e ao desprestixio dos cargos públicos por mor dos casos de corrupción que salpican a nosa sociedade".
"Asistimos -continuou- insensíbeis á marxinación e abandono das maiorías desfavorecidas do Planeta mentres vemos como se ocupan países e se promoven guerras que deixan pingües beneficios na industria armamentística, como se estenden as redes do narcotráfico ou como destruímos os recursos naturais".
"Desde a tolerancia e o respecto á diferenza", González Cruz defendeu a necesidade dun modelo social máis xusto e equitativo e pediu entre outras cousas, a fin das guerras, a erradicación da pobreza, o coidado da natureza, a supresión da explotación infantil e o respecto á identidade dos pobos. Neste senso, referiuse á nosa lingua "hoxe ameazada por quen nin a aman, nin a comprenden, que é o signo de identidade máis valioso do noso pobo".
Para rematar, o delegado rexio sinalou que para el a Ofrenda do Reino de Galiza ten a finalidade de "iluminar as mentes e abrir os corazóns daqueles bos e xenerosos que están dispostos a comezar de novo a ardua tarefa de construírmos unha sociedade galega e un mundo mellor desde a paz e o diálogo".
O de Mondoñedo e o de Lugo foron os dous únicos alcaldes que participaron na celebración deste ano. Ademais, entre os asistentes estaban o Valedor do Pobo, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, o fiscal superior de Galiza e o xefe superior de Policía.
Historia e protocolo da Ofrenda
A catedral de Lugo ten o privilexio de manter o Santísimo Sacramento continuamente exposto. De feito, esta honra deu orixe ao escudo de Galiza. A Xunta do Reino acordou en 1669 instituír unha Ofrenda anual, que se renova desde entón cada domingo seguinte á festividade do Corpus.
Unha celebración que só se viu interrompida durante os anos da II República Española, é que é efectuada cada ano polo alcalde dunha das sete capitais do Reino: Betanzos, Compostela, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, no rol de delegado rexio.
Na súa orixe tiña por obxecto sufragar os gastos de iluminación do Santísimo, aínda que acabou por se converter nunha tradición simbólica moi arraigada, tanto, que co paso dos anos case non cambiou o protocolo da mesma e producíronse poucas variacións na estrutura da cerimonia.
No acto central, o alcalde e a corporación lucense reciben no Consistorio os alcaldes ou representantes das outras seis antigas capitais. Desde a Casa do Concello parte deica á catedral a comitiva, escoltada pola policía municipal da cidade oferente e do corpo homólogo lucense vestidos de gala.
Á chegada interprétase o himno do Reino de Galiza e, aínda no exterior, a comitiva é recibida polo cabido. Xa no interior do templo, os bispos de todas as dioceses: Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Tui-Vigo, Ourense e Santiago; o abade mitrado de Samos e, nalgunhas ocasións, o bispo de Astorga reciben ás autoridades locais.
Logo da ofrenda e da resposta correspondente do bispo da diocese do oferente, todos os asistentes reciben a bendición papal e interprétase máis unha vez o himno do Reino de Galiza. O acto finaliza co regreso da procesión ao Concello unha vez finalizado o acto eucarístico.