Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CAMBIOS DO DECRETO DA LINGUA

'Maquillaxe inaceptábel', valoran a oposición e os colectivos sociais

A retirada da consulta aos pais amola tanto os colectivos en defensa do galego, como os partidos da oposición como a Galicia Bilingüe.

Isabel G. Couso - 11:10 21/05/2010

A “liberdade de elección” na escolla da lingua e rematar coa “imposición do galego” do bipartito. Eses eran os compromisos de Alberto Núñez Feijoo alentados por colectivos como Galicia Bilingüe ou os ultraconservadores medios de comunicación españois, como a Cadena Cope, o ABC ou El Mundo. Mais a posta en cuestión da legalidade deste punto polos diferentes órganos consultivos escoitados, levou ao presidente da Xunta a eliminar o “irrenunciábel” dereito a elixir dos pais, unha fuxida cara adiante que trataría de blindar legalmente o decreto, mais que non contenta a ninguén, nin pola esquerda, nin pola dereita.

A oposición pide que se retire a normativa
Tanto BNG como PSdeG manteñen o seu anuncio de recorrer á Xustiza, “mentres queden puntos que atenten contra a legalidade” e cualifican a aprobación do decreto como “un ataque contra a lingua”. Dende as ringleiras socialistas, Manuel Vázquez, asegurou que “se está a escribir un dos episodios máis lamentábeis contra o galego dende os Reis Católicos”. Pola súa parte, dende o BNG, Carme Adán, falou do “primeiro retroceso legal para a nosa lingua en toda a democracia”.

Os sindicatos falan de inconstitucionalidade
Ademais de pedir a dimisión ou cese do conselleiro de Educación, dende os sindicatos maioritarios consideran o decreto aprobado “unha mostra máis do desprezo deste goberno polo pobo galego e pola súa lingua”. Así se manifestou a CIG-Ensino, quen acusa a Feijoo de reiventar o autoritarismo en referencia á súa decisión de aprobar no futuro unha lei “que resolva a situación de alegalidade desta lexislatura” (nas súas propias palabras). Anxo Louzao afirma que “este presidente adopta o modelo da ditadura e se a lexislación non lle serve, inventa unha nova” e subliña que o texto aprobado é contrario á Lei de Normalización Lingüística e incumpre completamente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Os colectivos en defensa da lingua, en contra
Como tamén era de agardar, tamén se manifestaron contrarios ao decreto finalmente aprobado colectivos como Queremos Galego, a Mesa pola Normalización, Prolingua ou a Coordinadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística. Todos critican que os cambios introducidos no texto son “unha capa de maquillaxe” e lamentan que Feijoo “manteña a súa prepotencia” e “non escoite o milleiro de persoas que se manifestaron en Compostela o pasado luns para exixir a retirada desta normativa.

E Galicia Bilingüe?
Mais o enredo labiríntico no que se introduciu o presidente da Xunta ten tamén unha difícil asunción por parte de colectivos como Galicia Bilingüe. Asentados na liberdade dos pais a elixir o idioma no que han de estudar os seus fillos, a solución que adoptou o Consello deixou tamén descontentos aos afíns á ideoloxía neoliberal e conservadora española. A presidenta deste colectivo, Gloria Lago, dixo estar “decepcionada” pola resolución final e mesmo chegou a cualificar a Fejoo de “baixeza moral” e de “mentireiro”.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: