 
Na escola e no instituto iníciase o uso social da lingua que non é materna, e aquí a lingua propia de Cataluña "avanza posicións globalmente".
Segundo reflicte un recente estudo da Secretaría de Política Lingüística do goberno de Cataluña, a lingua propia do país presenta un bo comportamento con respecto á transmisión de pais a fillos por parte de parellas novas castelánfalantes, informa Nationalia.   
  O informe, Llengua i joves. Usos i percepcions lingüístics de la joventut catalana ("Lingua e mozos. Usos e percepcións lingüísticas da mocidade catalá"), elaborado pola Universitat Oberta de Catalunya, recolle varias enquisas que se combinan coa análise cualitativa de datos obtidos a partir de entrevistas e debates de grupo.   
  
Os datos reflicten que catro de cada dez parellas novas castelánfalantes empregan cos seus fillos o catalán tanto ou máis ca o castelán. Os autores explican que este feito marca un cambio xeracional, xa que con anterioridade a porcentaxe era dun caso por cada dez. 
  
Outros datos salientábeis son os referidos ao concepto de "hibridación lingüística", é dicir, uso habitual de varias linguas. Neste apartado, o estudo conclúe que a mocidade é o sector de poboación que máis usa indistintamente o catalán e o castelán, e isto "beneficia e incrementa o uso do catalán".   
  
O castelán domina no ámbito informal 
Con respecto aos espazos onde se produce esta hibridación, o estudo sinala principalmente os espazos formais: na escola e no instituto iníciase o uso social da lingua que non é materna, e aquí o catalán "avanza posicións globalmente".   
  
O castelán continúa a ser a lingua dominante nos ámbitos informais, tales como as amizades, mentres que o catalán se consolida nos espazos formais como a universidade e o traballo.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto