Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Parlamento: Normalización e política lingüística

"Plenamente apoiado" síntese Xesús Vázquez para aprobar o decreto

O conselleiro de Educación asegura que se aprobará "en próximos días".

Redacción - 10:00 13/05/2010

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asegurou esta cuarta feira sentirse "plenamente apoiado e avalado" para aprobar o decreto do plurilingüismo, algo se fará "en próximos días", tanto polo resultado electoral como polo proceso de diálogo aberto coa sociedade.

Fronte a esta actitude do Goberno, PSdeG e BNG auguraron unha manifestación masiva na capital do país o Día das Letras en defensa da lingua propia de Galiza. Durante o debate dunha interpelación esta cuarta feira no Parlamento, Vázquez Abad, no entanto, insistiu en que "son máis" os colectivos que apoian a Xunta que os que se opón ao decreto.

Ademais, aconsellou os socialistas e nacionalistas que "escoiten" a sociedade ou, pola contra, seguirán "moito tempo" na oposición. "Estou convencido de que, mesmo xente que vai nas súas listas, acabará votando ao PP pola súa política lingüística", interpretou.

Ao conselleiro sumouse o deputado do PPdeG Agustín Baamonde, que xulgou que "a proximidade" ao 17 de maio "dispara as nostalxias da oposición" sobre "o día da patria bipartita". Pola súa banda, o impulsor da interpelación, Guillerme Meijón (PSdeG), retrucou aos 'populares' que "o seu día da patria" é o 18 de xullo, en alusión ao golpe de estado franquista.

En canto ao decreto, tanto Meijón como a deputada do BNG Carme Adán reprobaron a falta de consenso con que sairá adiante e recordaron "o desprezo" que a Xunta brindou ao Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, ao Consello Escolar de Galicia e a sindicatos, colectivos e asociacións de nais e pais, ademais da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Pola súa banda, o titular de Educación asegurou "respectar" as opinións de todos os colectivos e institucións e, como proba, esgrimiu que levaron a cabo un total de 50 modificacións no texto orixinal do decreto.

Ao fío, replicou ao BNG que "tampouco" escoitou a RAG cando dixo que "era Galicia e non Galiza" nin o académico Xesús Alonso Montero cando alertou de risco de "afogar o galego". Tampouco atenderon, segundo Vázquez Abad, cando se aclarou que o uso dos idiomas "non depende dos gobernos, tal e como queren facer ver os colectivos anti este goberno".

Ante isto, Meijón recordou que a Xunta "tería que retirar o decreto" e o conselleiro "presentar a súa dimisión" despois de que o Consello Escolar aprobou por maioría unha emenda á totalidade. "Isto evidencia a súa gran mentira sobre o consenso, só o pretende impor a calquera prezo", denunciou, e apostilou: "Só quere aparentar".

Finalmente, advertiu a Vázquez Abad de que terá que seguir o ditame do Consello Consultivo -que estaba previsto que fose recibido esta cuarta feira- no caso de que se indique a ilegalidade de varios artigos". "Se non, o que ocorrerá o 17 de maio non será nada comparado co que vai pasar", ameazou, tras anticipar unha "gran mobilización".

BNG: "O galego, proscrito"
O debate sobre as linguas continuou con outra interpelación do parlamentario nacionalista Bieito Lobeira, que acusou o PP de "impor o castelán desde a súa chegada á Xunta" e de dedicarse a recuperar "os prexuízos de que o galego non vale".

Tras denunciar que o Executivo trata de "reproducir os peores esquemas de autoodio" pola súa "síndrome de Michael Jackson", criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, chegou ao "extremo vomitivo de prostituír a memoria de Castelao ao traducilo ao castelán".

"Non teñen dereito a converter o galego nun idioma proscrito no seu país", remarcou, e virándose cara ao vicepresidente da Cámara, Xosé Manuel Baltar, advertiu que "no PP xa non fican galeguistas, senón tan só arribistas, porque non están dispostos a xogar nin a súa nómina" por defender a lingua.

PPdeG: "Defendemos o dereito a elixir"
Na súa quenda de réplica, o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, criticou o ton "bélico" utilizado por Lobeira e reafirmou o "galeguismo" do PP. "Somos galeguistas, a moita honra, mais defendemos o dereito a elixir", reivindicou, e mostrouse partidario "dun bilingüismo integrador baseado na convivencia e na defensa da liberdade".

Así, apostou por pór en marcha "medidas en positivo" como "a mellor estratexia" para a "plena normalización" da lingua e rexeitou optar por "a confrontación". Logo de criticar as "descualificacións" vertidas por Lobeira, considerou que o Día das Letras sería "unha boa data" para que o seu grupo se poña "coa maioría" e se poida, deste xeito, "volver á senda da coexistencia".

PSdeG: "Día de combate, como no franquismo"
Pola súa banda, o deputado do PSdeG Francisco Cerviño lamentou que o 17 de maio volva ter "un carácter reivindicativo e de combate" porque a sociedade volve ter a percepción, como no franquismo, de "ter que loitar polo galego" porque a Xunta "non cumpre coa súa obriga de defendelo".

Ao contrario, segundo a súa opinión, a cidadanía opina que o Goberno está "a desmantelar" a protección e promoción da lingua de seu e, nesta liña, augurou que o decreto "acelerará a morte do galego". "E como chamariamos a quen manda derrubar o Pórtico da Gloria?", cuestionou, parafraseando a Castelao, para concluír que igual de "bárbaro" é quen "destrúe o idioma".

Finalmente, Lobeira coincidiu con Cerviño en que haberá unha gran mobilización na capital do país para reivindicar a importancia do Día das Letras e contrapuxo esta manifestación coa que protagonizaron dirixentes do PP "de ganchete" coa líder de UPyD, Rosa Díez, contra o anterior decreto.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: