Tal e como lle pediu a Unión Europea, os gobernos español e portugués anuncian recortes. Máis impostos e menos gasto público.
Elena Salgado, ministra de Economía
Este é o compromiso ao que chegaron os gobernos español e portugués diante dos seus socios europeos este domingo. Os recortes terán que comezar de inmediato e poderían levar aparelladas medidas impopulares que aínda se descoñecen pormenorizadamente. Os principais xornais europeos fan fincapé en que os 750 mil millóns de euros que UE e FMI que 'blindarán' a moeda única servirán para espantar un contaxio da crise grega a outros estados nomeadamente o español e o portugués.
No caso do Estado Español, o goberno de Rodríguez Zapatero comprometeuse a rebaixar o déficit cinco mil millóns de euros máis este ano e outros 10 mil en 2011. A ministra de Economía, Elena Salgado, subliñou que o propio presidente será o encargado de explicar en que puntos se vai buscar o aforro, aínda que previsiblemente se vai centrar na cancelación de investimentos en obra pública.
O ministro de Finanças de Portugal, Teixeira dos Santos, admitiu xa a posibilidade de aumentar os impostos a curto prazo se o goberno o vise necesario. Tamén se agarda a conxelación de obras (algunhas xa anunciadas) no Tren de Alta Velocidade (TAV) e en obras aeroportuarias.
Os socios europeos exixiron un esforzo firme para lograr que en 2013 o déficit non supere o 3%. O novo compromiso do goberno español é reducir o saldo negativo este ano ao 9,3% e o vindeiro facelo ao 6,5. Pola súa parte, o goberno portugués quere que a final deste ano o déficit sexa dun 7,3 e que en 2011 baixe ao 5,1%.