 
 
O novo mecanismo permitiralle á Comisión acordar axudas financeiras directas e puntuais aos Estados membros en graves dificultades.
 
											Haberá "sancións máis eficaces"
Os xefes de Estado e de Goberno da eurozona aprobaron este sábado crear un mecanismo permanente de asistencia financeira, sobre a base do que se puxo en marcha para rescatar Grecia, co obxectivo de defender o euro, estabilizar o mercado da débeda pública e frear o contaxio da crise. 
  O novo mecanismo de estabilización permitiralle á Comisión acordar axudas financeiras directas e puntuais aos Estados membros en graves dificultades para "preservar a estabilidade da eurozona", segundo afirmou o presidente permanente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy.   Na asistencia tamén estará implicado o Banco BCE, aínda que polo momento non se definiu ben cal será o seu papel.
  O Executivo comunitario tiña previsto presentar as súas propostas para crear este mecanismo permanente de resolución de crise a vindeira cuarta feira, mais adiantouna finalmente a esta fin de semana. Este domingo haberá unha reunión extraordinaria dos ministros de Economía da UE para aprobar o novo instrumento.
  Os líderes europeos comprometéronse a acelerar a consolidación das súas contas públicas e a reforzar o Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC), incluíndo "sancións máis eficaces" para os países que incumpran reiteradamente os límites de déficit e débeda. E tamén, intensificar os esforzos para mellorar a regulación dos mercados financeiros para tratar de frear a especulación.
  Vía libre ás primeiras axudas a Grecia 
Os xefes de Estado e de Goberno deron ademais vía libre á entrega a Grecia do primeiro tramo de axudas por valor de 110 mil millóns de euros para a rescatar da quebra. Constataron que xa existe unha "masa crítica" de fondos dispoñíbel para refinanciar os 8.500 millóns de débeda grega que vence o vindeiro 19 de maio, logo de que un gran número de países da eurozona xa desbloquearon os créditos.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto