O grupo socialista pediralle explicacións ao conselleiro de Educación sobre a súa negativa a chegar a posturas de consenso sobre o texto.
O PSdeG, a través do seu voceiro de Ensino no Parlamento, Guillermo Meijón, denunciou que o Goberno está a ignorar os informes e análises das diferentes institucións que amosaron o seu rexeitamento ao Proxecto do Decreto do galego. Por iso, presentou unha interpelación reclamando explicacións do conselleiro de Educación sobre a actitude da Xunta e solicitándolle que "se retracte deste documento".
Meijón valorou que as opinións da RAG, do Consello da Cultura, das universidades ou dos sindicatos teñen argumentos "suficientes" para rexeitar o Decreto e asegurou que eses informes contrarios foron parar á "gran trituradora de papel que figura no despacho do conselleiro Xesús Vázquez". Afirma que "o único que se fixo foi desfacerse de toda esta documentación rapidamente porque non lle gustaba o que se dicía nela".
Por iso, os socialistas exixiron que se fagan públicas as razóns polas que o conselleiro refusou estabelecer un marco de consenso arredor da lingua, ao "rexeitar a constitución dunha comisión" parlamentaria sobre o Decreto. Así, augurou un novo caos ao comezo do novo curso escolar.
Por outra banda, o voceiro de Lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, confirmou que o seu partido participará na manifestación convocada por Queremos Galego o 17 de maio. Asegurou que a data se debe transformar nun día de mobilización na defensa da lingua, por mor da política de ataques de Feijoo.