 
Organizacións a prol da normalización axudarán os pais da vila de Ráth Tó a montala pola súa conta, e critican a actitude da Administración.
A rede de Gaelscoileanna (escolas de inmersión lingüística en gaélico) conta na actualidade con 169 centros de primaria e 38 de secundaria nos 32 condados de Irlanda. Podería ser unha máis, mais o departamento de Educación do país non concedeu o permiso para a súa apertura en Ráth Tó. 
  Porén, varias organizacións civís a prol da normalización do gaélico irlandés tomaron o relevo e decidiron axudar os pais da vila a facer realidade o proxecto pola súa conta, e xa teñen previsto abrila en setembro de 2010. 
  
As entidades son An Foras Pátrúnachta, Glór na nGael, Comhluadar, Conradh na Gaeilge e a propia asociación Gaelscoileanna Teo, e o lema da campaña é Aitheantas, que significa "recoñecemento", recolle esta cuarta feira The Meath Chronicle. 
  
Ningunha Gaelscoil desde 2008
"Malia o rexeitamento a recoñecer a Gaelscoil (nome en singular), aínda que é necesaria e hai demanda, decidimos estabelecela de xeito non oficial pola nosa conta co xeneroso apoio das organizacións pola lingua", declarou ao xornal unha voceira dos pais, que agardan poder ter finalmente o permiso de Educación. 
  
Neste senso, uns e outros observan unha mudanza de criterio nos últimos anos por parte da Administración, que non ten en conta -din- a cuestión lingüística á hora de autorizar novos centros educativos. "O resultado é que nin unha Gaelscoil máis foi aprobada desde 2008 e Educación non dá indicios de que esta situación vaia a mudar", sinalou a portavoz.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto