O grupo de música tradicionais comeza a evolucionar cara á mestura de estilos e sonoridades no seu novo traballo.
Os oito compoñentes de Linho do Cuco
Linho do Cuco está a presentar polo país o seu novo traballo, que leva por título 3. O disco chega nun momento en que a banda vai acadando un lugar destacado no panorama da música tradicional do país, despois de 15 anos de traxectoria.
O disco supón unha mudanza de estilo e de sonoridade, coa incorporación de tendencias centroeuropeas que se conxugan cos timbres populares galegos. No traballo conflúen as experiencias dos oito integrantes do grupo, que se materializan en 12 novas pistas.
Linho do Cuco formouse co obxectivo de recoller e recuperar a música tradicional das terras de Tabeirós e de Montes. Co tempo, fóronse unindo novos membros procedentes do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, hoxe transformado en aCentral Folque. O primeiro disco chegou en 2005, coa colaboración de músicos como Pedro Pascual ou Óscar Fernández. Agora, publícase este segundo traballo -aínda que se chame 3-, desta volta con novos e atrevidos arranxos.