 
Na súa primeira conferencia após da sentenza no proceso Egunkaria, Martxelo Otamendi relatou este martes en Compostela o calvario dos últimos sete anos.
 
											Martxelo Otamendi, este martes
"Aquí canta todo o mundo. Son cinco días de viaxe: o segundo peor  ca o primeiro; o terceiro peor ca o segundo; o cuarto peor ca o quinto;  e o quinto peor ca o cuarto". Malia que desde o primeiro momento  reclamou o seu dereito constitucional a non declarar e, como xornalista,  a non revelar as súas fontes, o daquelas director de Egunkaria  foi 'encomiado activamente' pola Garda Civil a facilitar información  sobre a xestión das entrevistas que lle realizou a dirixentes de ETA. 
 
  Malia que incluso o xuíz Garzón ditara autos previos onde se  desbotaba unha posíbel ilegalidade nesas entrevistas, e malia que a súa  detención en febreiro de 2003 produciuse por un suposto financiamento do  xornal por parte de ETA -argumento que se demostrou totalmente infundado- e  non por estes encontros xornalísticos, Martxelo Otamendi viuse na  obriga de realizar esa viaxe aos sumidoiros do estado de dereito. 
  
 Relatábao el mesmo, este martes na Facultade de Xornalismo de  Compostela, nunha conferencia enmarcada nas xornadas O Mundo na  encrucillada organizadas polos Comités. O máximo responsábel do que  era o único xornal en papel en éuscaro -agora á fronte do seu herdeiro, Berria-  detallou como foi obxecto de vexacións homofóbicas, adoptando posturas  sexuais concretas; como permaneceu tres días sen que o deixasen durmir,  de pé, baixo os focos, mirando contra unha parede; sometido a  simulacións de afogamento, a intimidacións con pistolas, ... "Isto é un  Estado dentro do Estado", comentou que lle dixeran. 
  
 Comezaba a se facer xustiza o pasado 12 de abril, coa sentenza  demoledora da Audiencia Nacional que non só declara inocentes os cinco  encausados e cuestiona a constitucionalidade do peche de Egunkaria;  tamén desacredita desde o principio o acto de instrución do xuíz Del  Olmo e lanza unha mensaxe clara e contundente a maxistrados e forzas de  seguridade do estado ao respecto do amparo a "xuízos sen base  probatoria" e ás deficiencias na “custodia” dos acusados. De feito, o  auto revela que "os informes forenses coinciden coas testemuñas dos  acusados" ao respecto das torturas. É dicir, o xuíz Del Olmo sabía que  estaba a acontecer neses cinco días de incomunicación concedidos pola  lei, e que Otamendi cualificou este martes de "túnel" baixo os Dereitos  Humanos. 
  
 "Algún día unha comisión internacional independente investigará as  torturas no País Vasco igual que se está a facer agora en Chile ou  Arxentina, ou tamén se fará con Marrocos no Sáhara ou con China no  Tíbet", asegurou un Martxelo Otamendi fortemente ovacionado polo moito  público asistente. "Máis de sete mil vascos -dixo- foron torturados  desde a aprobación da Constitución española. Chegará o día en que haxa  que lle preguntar a moita xente, xuíces, deputados: 'vostede onde estaba  cando se estaba torturando?'"   
  
 Ao respecto de procurar un resarcimento moral, prefire -prefiren-  agardar a que o Tribunal Supremo ratifique a sentenza, a que esta sexa "firme ao 100%", en previsión dun recurso da acusación popular (a  pública, a do Estado a través da Fiscalía, xa se retirou en 2006) que  representan as asociacións AVT e Dignidad y Justicia. En calquera caso,  sinalou, é unha decisión que depende dos daquelas 1.500 accionistas da  empresa. "Sentaron simbolicamente moita xente no banco de acusados",  dixo.   
  
 A reacción non puido ser máis satisfactoria: 24 mil accionistas que  achegaron 4,8 millóns de euros  ampararon a fundación de Berria,  que "antes da crise" vendía máis xornais que o seu predecesor. Egunkaria,  un diario que até a súa clausura non só foi pioneiro no uso do éuscaro,  senón que ademais sempre estivo á vangarda de loitas sociais como a  reclamación dos dereitos dos homosexuais ou a denuncia da violencia  machista, coidando a pluralidade, co obxectivo de ser "un periódico  nacional máis que un periódico nacionalista".
 
						
									 
						
									 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto