Os parados do naval levantan o campamento nas inmediacións do edificio da Xunta en Vigo logo de 46 días, mais aseguran que a loita continúa.
Pintada no campamento
A vintena de parados do sector naval que permanecía acampado nas inmediacións do edificio da Xunta en Vigo levantou esta quinta feira o asentamento, logo de 46 días, aínda que advertiu que continuará mobilizándose e loitando polas súas reivindicacións sobre a contratación no sector.
O portavoz da Coordinadora de Parados do Naval, Fran Rodríguez, recordou que a iniciativa comezou para "reivindicar os postos de traballo" e para "denunciar a precarización do sector" e a "desregulamentación da contratación", considerando cumprido o obxectivo "lograr visibilizar" un colectivo que se quixo ocultar".
"Somos máis de 800 persoas -os desempregados no naval na zona-, mais non somos un número, temos caras e vidas", explicou, para recordar que a acampada pretendeu expor a súa situación ante a Administración, os sindicatos e a cidadanía.
Nese sentido, agradeceu as "moitas mostras de solidariedade" recibidas estes días por parte de "compañeiros, traballadores de empresas do sector, de centros sociais da cidade e de moitas outras persoas", aínda que lamentou que non se conseguiu o compromiso da Administración nin das centrais sindicais que nos mostraron o seu apoio".
"Repartir responsabilidades"
No entanto, asegurou que o colectivo cre que a iniciativa de permanecer acampados "mereceu a pena" e asegurou que se seguirá loitando e "non se vai parar aquí". "Nós temos unha parte de responsabilidades, mais tamén queremos que os sindicatos, as administracións e a patronal asuman a súa parte", indicou.
Finalmente, explicou que entregarán na Xunta un total de 1.085 firmas recollidas estes días, como mostra de apoio ás súas reivindicacións, e explicou que o colectivo de parados baralla "novas accións" e que, polo tanto, decidirá futuras mobilizacións.