Logo de concorrer nos últimos comicios na coalición cos Verdes (CDU), o PCP cre necesario reafirmar individualmente as súas ideas.
O secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa
O Partido Comunista Portugués (PCP) tomou a decisión esta fin de semana de presentar unha candidatura propia ás eleccións presidenciais de 2011.
Nos últimos comicios, os comunistas formaron parte da Coalición Democrática Unitaria (CDU) xunto co Partido Ecoloxista Os Verdes (PEV). Daquela (nas lexislativas de 2009), os resultados déronlle un 7,8% dos votos e 15 deputados (en 2005 acadaron o 7,6% dos votos e 14 escanos, 12 do PCP e dous dos Verdes).
Segundo explicou o secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, o partido “decidiu afirmar as súas propias ideas en relación ao papel e as función do presidente da República” e contribuír para que se garanta o respecto pola Constitución”. Consideran que Cavaco Silva ten unha “acción marcada por unha política de dereitas e de abdicación nacional”, conta a que pretenden rebelarse.
Nos próximos comicios, tamén novo líder do PSD
Esta non é a única novidade no referente ás eleccións do vindeiro ano. Tamén esta fin de semana se celebrou o Congreso do partido de centro dereita PSD, no que se referendou o novo liderado para as vindeiras eleccións: Pedro Passos Coelho. O que sucederá a Ferreira Leite avogou pola “separación do Estado das empresas” e por unha “fiscalización directa” do Parlamento ás empresas e bancos estatais, para o que considerou prioritario unha “mudanza na Constitución”.