O ciclista do Xacobeo Galiza, cunha carreira moi regular, beneficiouse do abandono de Txurruka, anterior líder.
Gonzalo Rabuñal, o ciclista do Xacobeo Galiza, converteuse no campión da montaña na Volta a Euskadi, logo de que non puidese tomar a saída o anterior dono da camisola vermella e branca, Amet Txuruka (do Euskaltel-Euskadi). O corredor vasco tivo que abandonar por mor dunha fractura de clavícula a consecuencia dunha caída na xornada anterior, a uns seis quilómetros para o final.
Xosé Anxo Vidal, que dirixiu ao equipo nesta carreira, felicitouse do posto de Rabuñal, se ben comentou que “non é da forma que máis nos gusta gañar, pero hai que dicir que o ciclismo ten estas cousas, e para conseguir esta recompensa, tivemos que estar aí, perseguindo”.
A rolda vasca acabou coa vitoria do veterano Chris Horner (RadioShack), quen lle arrebatou o liderado a Alejandro Valverde (Caisse D'Epargne). Polo Xacobeo, o mellor foi Gustavo C. Veloso, décimo oitavo, dogo de estar moito tempo entre os mellor clasificados. Ezequiel Mosquera e Delio Fernández tamén deron unha boa medida.
Klásica de Amorebieta e Turquía
Sen deixar Euskadi, este domingo o Xacobeo corre a Klásica de Amorebieta. Nesta carreira presenta o mesmo equipo, que está composto por Ezequiel Mosquera, Gustavo César Veloso, Delio Fernández, David García, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, Marcos García e Rodrigo García.
Tamén este domingo, o equipo galego tratará de reeditar os éxitos colleitados nas dúas edicións anteriores da Volta a Turquía, que comeza cun prólogo de cinco quilómetros. Desta volta, o equipo preséntase cos corredores Gustavo Domínguez, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Gustavo Rodríguez, Francisco José Pacheco, José Antonio de Segovia e Nelson Oliveira.