A cantante estadounidense e o batería do grupo británico Radiohead abren en Vigo cos seus novos traballos a cita musical.
Este luns a estadounidense Lisa Germano e o británico Philip Selway, batería de Radiohead, abren a oitava primavera de Sinsal en Vigo. O concerto está previsto para as 10 da noite no Teatro Caixanova, con entradas a 15 euros.
Germano e Selway atópanse nunha xira conxunta de presentación dos seus novos temas. Por unha banda, a cantante estadounidense amosa o seu novo disco, Magic Neighbor, mentres que o baterista adianta o que será o seu debut como solista, aínda sen título. Os dous músicos estarán acompañados polo baixista Sebastian Steinberg, despois de participaren nas dúas edicións do disco 7 Worlds Collide, proxecto benéfico promovido por Neil Finn xunto a Jeff Tweedy, Eddie Vedder ou Johnny Marr.
O resto da programación do Sinsal en Vigo xa ten confirmadas as actuacións do dúo xaponés Kokusyoku Sumire, o 30 de abril no MARCO, e dos norteamericanos Mission of Burma, xunto a Shellac, que tocarán o 26 de maio nun local aínda por determinar. Porén, cancelouse o concerto que ían dar Sunburned Hand of the Man e Emeralds no MARCO.