O presidente demócrata foi quen de tecer os acordos precisos para que o Senado aprobase unha nova lei que lle garante seguro médico a 32 millóns de persoas.
Obama logrou dar un paso político xigante na madrugada deste luns. Logo de intensas negociacións, o presidente de EUA conseguiu gañar unha votación no Senado (219 votos a favor e 212 en contra) que posibilita a tan arelada reforma sanitaria que conseguirá darlle unha cobertura médica con garantías a case 32 millóns de persoas que quedaban á marxe no sistema anterior.
Catorce meses despois de chegar ao goberno, o presidente demócrata logra sacar adiante unha das súas promesas centrais da campaña electoral. Todos os analistas políticos salientan que é unha gran vitoria de Obama e lembran que numerosos presidentes (o último Bill Clinton) intentaron algo semellante pero non puideron levalo a cabo debido á oposición que atoparon.
A reforma de Obama non significa a universalidade e gratuidade da atención médica tal e como a entendemos en Europa pero é un notábel avance con respecto á normativa actual xa que permite que as persoas con menos recursos económicos poidan ter un seguro médico propio. O presidente visibelmente satisfeito proclamou: “Este é o cambio”.
Ampliar en: