Agora que temos unha Academia Galega con pólvora e magnolias, poderiamos contraatacar. Outra cousa é que non nos vaia o estilo...
            
  
   O que dixo aí atrás  esa señora é culpa súa só en parte. Está no dicionario  da Real Academia Española. E ela, que é todo elejansia e sobreabunda  en españolidade, limitouse a empregar a acepción número oito do termo  “gallego”, que é a de “tonto, falto de entendimiento”. É o  máis probable, agás que quixese chamar a Zapatero –en adiante Zapateiro-   e de paso a Rajoy, -en adiante Rajoy- “ave palmípeda de plumaje  ceniciento”,  ou, se cadra, “especie de lagartija crestada que vive en las orillas  de los ríos”, cousa incerta falando de don José Luis e pouco probable  –aínda que o de “ceniciento”, dea que pensar- falando de don  Mariano. 
   Mirei no dicionario da  Española:  andaluz, asturiano, catalán, murciano, fisterrán (non viña), vasco  ….. e en ningún caso presentan semellante riqueza de significados.  Temos que estar orgullosos de compartir entrada na lingua española  coas palmípedes cincentas e os cristados con déficit de entendemento  (de feito hai ben deles nas portadas da “prensa rexional”).
Con todo, poderiamos amagar  con desempoar a versión apócrifa do dicionario da Academia Galega  que disque apareceu no faiado con pingueiras da rúa Tabernas número  11. Nesta versión, na que se pasaron un pelo, recóllense todas as  acepcións que en galego se dan aos numerosos xentilicios ibéricos.  Non me paro coas de catalán, andaluz, portugués e vasco, que non teñen  culpa, pero si que me chamou a atención a de madrileño, xa que, en  definitiva, é do que exerce por adopción esa política señora. O  dicionario dicía estas barbaridades:
Madrileño: 1. Natural  ou habitante de Madrid. 2. Propio de Madrid (Ex. Cocido madrileño).   3. “Nin que foses....”, “Pareces un.....”, “Seica es ..........”:  Testán, de mente ríxida; persoa etnocéntrica, incapaz de captar a  diferenza cultural; aplícase a quen ignora os aspectos elementais da  vida natural de animais e plantas (Ex. Pensaba que os percebes  nadaban,...  nin que fose madrileño); chulo, rufián, home que trafica con  mulleres  públicas; farfallán, esbardalleiro, esaxerado; dise da persoa ruidosa;  torpe, trastalleiro, pouco áxil; fachendoso, incapaz de arrepentimento.
Pois iso, que non é falta  de imaxinación nin de significados. É unicamente cuestión de estilo  e saber estar. Pero se hai que negociar, negociemos.