Un programa organizado pola área de Patrimonio Histórico do Concello transformará a cidade no escenario de tres intervencións artísticas diferentes.
Pazo de Castrelos, onde se realizará unha das intervencións artísticas
Vigo vaise converter nunha Cidade de soños. A área de Patrimonio Histórico do concello está a preparar unha serie de actividades, que se desenvolverán entre abril e outubro e encherán de arte as rúas da cidade.
O proxecto divídese, en principio, en tres programas diferentes: a exposición de escultura Natureza con arte, Artistas na rúa e o mural Pegadas e fume. A primeira en comezar será esta última, a partir do 24 de abril. Producións Accidentais poñerá ao dispor de toas as persoas interesadas un mural cerámico no parque de Castrelos. A actividade colectiva, que se elaborará in situ por parte de xente de todas as idades, complementarase cunha reportaxe audiovisual que se publicará na web.
O mural inaugurarase o 9 de maio cunha festa. Poderán participar até 450 persoas diarias, que decorarán libremente cadanseu azulexo de 15x15 centímetros até completar os 1.800 que forman o proxecto artístico. As inscricións poderanse facer tanto a través da web como presentándose no lugar.
A partir do 21 de xuño arrancará Artistas na rúa, un programa que contará coa presenza de cinco artistas, tres galegos e dous portugueses, dúas mulleres e tres homes, que achegarán o seu traballo ao centro urbano, en contacto directo co público. Poderase, así, contemplar todo o proceso creativo. Durante ese tempo, organizaranse uns encontros para debater esa intervención urbana e os seus resultados en combinación con especialistas e coa cidadanía en xeral.
O terceiro dos apartados de Cidade de soños será a exposición Natureza con arte, que terá lugar nos xardíns interiores do Pazo de Castrelos. Alí situarase un número amplo de artistas e de obras escultóricas pensadas especificamente para ese espazo, facendo que a arte forme parte da natureza. A exposición abrirase oficialmente o 22 de xullo, acompañada dunha posta en escena, e clausurarase o 31 de outubro.
Cidade de soños, subtitulado "A cidadanía como absoluta protagonista", tamén pretende achegarse aos artistas dos séculos XIX e XX, "que axudaron a construír país", segundo explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, na presentación oficial do programa. O proxecto forma parte dunha serie de mudanzas que terán lugar en Vigo e que inclúen a apertura dunha nova pinacoteca na zona vella.