Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIVISIÓN DE OPINIÓNS

Reaccións dos partidos con representación parlamentaria ao recurso

O BNG cualifica a decisión do goberno español de inconstitucional, o PSdeG non desbota a fusión e o PPdeG tacha o recurso de "inxustiza".

Redacción - 17:30 09/02/2010

O conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, comparou a "cerrazón" do goberno español en materia de competencias coa presentación do recurso de inconstitucionalidade á Lei de Caixas, que "coincide no tempo", o que atribuíu a que "quere optar por un conflito Xunta-Estado".

Rueda argumentou que dicirlle non á fusión das caixas é "dicirlle que non á metade dun novo Estatuto", pois á Lei de Caixas, asegurou, "supón un avance fundamental en autonomía financeira".

O voceiro do PPdeG no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, considerou que o recurso "é a confirmación dunha inxustiza, unha arbitrariedade e unha discriminación con Galiza", que podería impedir a participación do país "no mapa financeiro español". Reclamou "un trato igual ao dado a outras comunidades autónomas" cuxas leis conteñen "artigos iguais aos recorridos" e alentou a vía do diálogo co goberno español para "manter a galeguidade e a solvencia das caixas".

Ruíz Rivas cualificou o recurso como "unha burda manobra política para deixar Galiza sen caixas” e reiterou non entender "o papel que está a xogar o PSOE galego neste conflito".

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que os socialistas "tamén contemplamos a posibilidade dunha fusión froito do diálogo, da integración e do equilibrio". Afirmou, ademais, que "non nos sorprende" a presentación do recurso, despois do ditame do Consello de Estado, e defendeuno porque "o goberno español actúa na defensa das súas propias competencias". O parlamentario recomendou que a Lei de Caixas se axuste ao marco da Lei Orgánica española antes de esperar o ditame do Tribunal Constitucional e reclamou "diálogo parlamentario para axustar a Lei ao ditame", ademais de diálogo coas entidades "para que teñan un futuro solvente e galego".

O senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza cualificou a decisión do goberno español de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de intento de que "Galiza claudique e renuncie a ter unha gran caixa". Pérez Bouza lembroulle á ministra de Economía, Elena Salgado, que "o que ten moitos indicios de inconstitucionalidade non é a Lei", senón "o comportamento arbitrario e discriminatorio" do goberno español, que "recorre as normativas dunhas comunidades autónomas e doutras non".

O senador advertiu a ministra de que "a sociedade galega responderá de forma cívica pero contundente contra esta intromisión do Estado na capacidade de autogoberno de Galiza", e que se o goberno non rectifica, "o PSOE, e en particular os seus ministros e ministras galegas, terán que dar moitas explicacións en Galiza".



0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: