Está previsto que os deputados aproben este martes a iniciativa de convocar un referendo antes das eleccións, tal e como se comprometeran laboristas e nacionalistas.
O edificio da Asemblea Nacional
Segundo informan os medios locais, o primeiro ministro de Gales, Carwyn Jones (Partido Laborista), mostrábase confiado en que este martes a Asemblea Nacional aprobase a iniciativa de convocar un referendo para que os galeses decidan se queren asumir maiores competencias en 20 áreas determinadas, relacionadas con Educación e Sanidade, entre outras.
O proxecto é unha das cuestións claves negociadas polos laboristas e mais os nacionalistas do Plaid Cymru no seu acordo de goberno, e require o apoio de 40 dos 60 membros que conforma a Asemblea galesa.
Estaba previsto que esta mesma mañá o Partido Conservador mantivese unha reunión para discutir o voto dos seus deputados, aínda que a priori o apoio estaba garantido. A semana pasada, tanto conservadores como o Partido Demócrata Liberal ameazaran coa abstención de se deixar aberta a posibilidade de que o referendo fose ao tempo que os comicios autonómicos.
"Non estamos a falar da independencia"
O 'vicepresidente' do goberno, o nacionalista Ieuan Wyn, afirmou que "chegou o momento de que Gales dea un paso adiante para que a Asemblea Nacional poida lexislar sen ter que contar coa aprobación dos deputados en Westminster (parlamento estatal), tal e como funciona en Escocia e en Irlanda do Norte".
A portavoz parlamentaria do Plaid Cymru, Helen Mary Jones, advertiu ao respecto que "os partidarios do 'Non' están determinados a crear a impresión de que este referendo é sobre a independencia cando é evidente que non o é. Intencionadamente, pretenden manipular o pobo de Gales".
Máis información: