O Concello comprométese a seguir criterios éticos, sociais e ambientais na súa política de contratación de bens e servizos.
Concello de Boiro
As administracións públicas son responsábeis do 16% das compras de bens e servizos en Galiza. En consecuencia, a capacidade de incidencia na economía local da Administración é moi importante. Atendendo a esta realidade, os colectivos Verdegaia e Amarante demandan un consumo responsábel por parte dos gobernos a través dunha campaña que propón a incorporación da "compra pública responsábel" en todos os organismos públicos (Xunta, Deputacións e Concellos), na que se apliquen criterios éticos, sociais e ambientais.
Un dos primeiros concellos que se sumou a esta iniciativa é o de Boiro. O pasado 14 de xaneiro aprobou unha moción ao respecto, na que se comprometeu a seguir criterios ambientais (conservación e eficiencia), sociais (inserción e accesibilidade) e éticos (solidarios e de loita contra a pobreza e pola igualdade).
Cal é a responsabilidade da compra pública?
Tal e como explican Verdegaia e Amarante "a aplicación deste modelo introduce criterios éticos relativos ao cumprimento de convencións internacionais e estándares sobre condicións laborais, como no caso dos produtos de comercio xusto; desenvolve modelos de consumo máis respectuosos co medio ambiente, minimizando o impacto ambiental do consumo municipal e contribuíndo a mellorar a calidade de vida a través do predominio de criterios ambientais; incide na calidade do emprego, na perspectiva de xénero e na contratación de persoas con discapacidade; introduce o apoio ás empresas de economía social, entendidas como aquelas empresas que contan con procesos de xestión democráticos e participativos, que priman as persoas e o traballo sobre o capital".