Con vocación internacional renace na súa cuarta edición a feira viguesa, con especial protagonismo para as galerías portuguesas.
Espacio Atlántico é a nova marca baixo a cal se reinventa o evento que en Vigo era coñecido até o de agora como Puro Arte. Un punto de inflexión que nesta edición quere explotar unha nova vocación internacional e que, de xeito especial, mira cara a Portugal e aspira a converterse en nova cita de referencia no mercao artístico a nivel estatal.
A cita comeza este xoves 14 e permanecerá aberta até o vindeiro 17 de xaneiro no recinto feiral do Ifevi, baixo a dirección de Marta Scarpellini e a dirección artística de David Barro. Reunirá a maioría das galerías galegas e as principais do Estado e de Portugal, así como unha ampla representación de profesionais doutros países referentes da arte contemporánea.
Ao tempo anunciouse que Espacio Atlántico servirá para crear unha colección propia das pezas que se presenten neste evento e que serán depositadas no Museo de Arte Contemporánea (Marco) da cidade. Así o confirmou Barro, precisando que "as adquisicións se realizarán atendendo aos criterios expositivos" do centro. En todo caso, revelou que se tratará de "artistas con proxección internacional" e que non se estabelecerá ningún tipo de anotación xeográfica ou conceptual.