 
 
"Vivimos cousas inauditas e insólitas que obrigan a RAG e o Consello da Cultura a tomar cartas e defender publicamente o galego", afirmou o deputado socialista Francisco Cerviño.
"A asociación entre o galego e a imposición, dunha banda, e o castelán e a liberdade, pola outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia do noso país", denunciou o portavoz do grupo Parlamentario do PsdeG en materia de Lingua, Francisco Cerviño. O deputado socialista botou man tamén a proposta achegada á Cámara polo Consello da Cultura e recordou que a institución advertiu de que a lingua galega "precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do mal trato que recibiu no pasado". 
  
  Cerviño criticou así que o PP non aproveite para facilitar o clima preciso para "recompoñer o consenso imprescindíbel encol da cuestión lingüística". "O galego precisa de discriminación positiva ademais de gañar aliados para a lingua, gañar hexemonía social e afondar no discurso e na idea da súa utilidade", insistiu. Do mesmo xeito, chamou o PP a apartar o discurso "da acusación e a sospeita" constante contra o galego, e substituílo por unha "atmosfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos amplos que permitan restabelecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso histórico como é o da recuperación do galego". Doutro xeito, advertiu o voceiro do PSdeG, a "insolencia" do presidente da Xunta no seu "ataque contra o galego" e a "falsificación da realidade" promovida polo PP levará ao que agoirou como "un verdadeiro lingüicidio" no país.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto