 
 
Case 200 mil cataláns votaron, arredor do 30% dos convocados. Impulsada desde a propia sociedade, conclúe con éxito a "festa da democracia" en Cataluña.
"Está vostede de acordo con que Cataluña se convirta nun Estado de dereito, independente, democrático e social, integrado na Unión Europea?". A esa pregunta estaban chamados a responder este domingo 13 de decembro arredor de 700 mil veciños maiores de 16 anos en case 170 municipios cataláns. Finalizada a xornada de referendo, a plataforma que coordinaba a consulta acaba de ofrecer os resultados: votaron unhas 200 mil persoas, arredor do 30% do total do censo e cando aínda falta por contar o voto por correo. Do total, o 94,7% dos electores escolleron o "si" á independencia. Un 3,53% optou polo "non" e houbo 1,76% de votos en branco.   
 	 	 "É un triunfo rotundo do soberanismo", valorou o alcalde de Arenys de Munt, Carles Mora, un dos voceiros da plataforma Coordinadora per la Consulta. O rexedor de Arenys, municipio pioneiro na convocatoria, subliñou a importancia do propio feito de que os cidadáns tiveran a oportunidade de expresar a súa opinión: "Hoxe volvemos ver o rostro amábel de toda aquela xente que sempre loitou pola soberanía do noso pobo", dixo. "Esta xornada recolle o anhelo histórico de moitos cidadáns de expresar o seu desexo de que Cataluña poida ser un Estado independente", resumiu Mora. 
Actualización 21h: "É unha festa da democracia", subliñan desde a Coordinadora per la Consulta sobre la Independència, a plataforma que este domingo coordinou o traballo de 20 mil voluntarios en toda Cataluña nunha acción inédita no conxunto da Unión Europea. Recordando que nos últimos comicios europeos apenas o 30% dos cataláns se achegaron ás urnas, os organizadores do referendo consideran que aproximarse a esa cifra sería todo un éxito. E á luz dos primeiros datos, semella que o total de votantes andará perto desa cifra.   
  
  Con cifras das 18horas, algunhas áreas do país superaban xa esa barreira do 30%, sendo a porcentaxe de participación menor en zonas máis poboadas. Así por exemplo, a dúas horas de cerrarse a xornada de referendo, as comarcas da Garrotxa e Pla de l'Estany, en Girona, chimpaban xa ao 35% e 32% respectivamente. Na maior das localidades onde se votaba, Sant Cugat del Vallés, un 22% do censo de 59 mil persoas pasara a esa hora a deixar a súa papeleta na urna. A esta hora segue o escrutinio, que se espera sexa público pasadas as 22 horas, e que conta con observadores internacionais  convidados e interventores das cinco formacións políticas que apoian a consulta: CDC, ERC, ICV, CUP e Reagrupament.   
  
  Para ampliar: 
 
						
									 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto