Case a metade do total, 1.033 persoas, examinaranse do nivel máis alto, Celga 4, nesta convocatoria de novembro.
Son un total de 2.378 persoas as matriculadas en Galiza coa fin de conseguir o Certificado de lingua galega (Celga), segundo as listaxes de matriculados nas probas. A Coruña é a cidade con máis inscritos, 754 persoas, seguida de Vigo, con 603 persoas, e Santiago de Compostela, 460. En Lugo hai un total de 337 matriculados e en Ourense son 224 as persoas que optan a conseguir algún dos catro niveis do Celga. Ao tempo, 87 persoas realizarán as probas en Alacante, Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Oxford, Salamanca e Vitoria. Do total, 262 persoas examínanse do Celga 1 e 598, do Celga 2. Nos niveis máis altos, hai 572 matriculados no Celga 3 e 1.033 no Celga 4.
Política Lingüística vén desenvolvendo os cursos Celga desde decembro de 2007. Trátase do sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. O Celga recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e fundaméntase nos contidos relacionados coas funcións comunicativas e mais no coñecemento do código e lingua, cultura e sociedade.