Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Unha infraestrutura que segue adiándose

A Mariña – Ferrol, eixo secundario para as administracións

Malia a súa importancia para a vertebración do norte do país, as dúas administracións coinciden en quitarlle fondos ao corredor Barreiros-Ferrol.

Redacción - 11:00 04/11/2009
O conselleiro de Política Territorial, confirmou o adiamento do corredor que unirá A Mariña e Ferrolterra

O conselleiro de Política Territorial, confirmou o adiamento do corredor que unirá A Mariña e Ferrolterra

"As contas do PP para 2010 evidencian que o goberno Feijoo non só está incapacitado para sacar a Galiza da crise senón que o combate da mesma non é unha prioridade". Así o subliña o responsábel comarcal do BNG na Mariña lucense, Antonio Veiga. Na súa opinión, a situación actual de crise require máis ca nunca que o investimento público xogue un "papel central" na dinamización económica da zona. Expoñen así desde o Bloque a necesidade de inxección financiadora que "tire da economía e da creación de emprego". E á vez, salientan a importancia de completar un proxecto viario fundamental para a vertebración do norte de Galiza. Porén, os números do goberno español e da Xunta de Galicia evidencian neste caso unha aposta diferente.

Segundo o proxecto estabelecido, Xunta e goberno español repártense a obra do corredor de alta capacidade que debe unir A Mariña e Ferrol. No caso do treito Barreiros – San Cibrao e o executivo estatal o que pon os cartos, mentres que o que vai de San Cibrao deica Ferrol depende da inxección económica da Xunta. En 2001, e cando nas dúas administracións coincidían gobernos liderados polo PP, a data de finalización da obra fixárase para 2007, mais os compromisos investidores estiveron lonxe de cumprirse. Na anterior lexislatura, o bipartito xa manexaba unha nova data para a finalización desta obra: 2013. E á luz das novas paralizacións de investimento, xa se fala dunha nova data: 2017. Pero a falta de plans polo miúdo fai agoirar que mesmo nese caso, e xa con dez anos de atraso sobre a primeira promesa, o remate desta vía poida seguir adiándose.

"Tomadura de pelo"
Desde o BNG láianse de que a Consellaría de Política Territorial non teña previsto licitar "nin un só tramo máis" no treito do corredor que transcorre pola provincia de Lugo, limitándose ao xa licitado polo bipartito a comezos de 2009. Por riba, a área que sofre de maior densidade de tráfico, a variante de Viveiro, "queda sen solución até 2017". Así, se nos orzamentos de 2009 aparecían 17,6 millóns de euros previstos, os elaborados polo PP para 2010 deixan a inversión en 4,5 millóns.

Para a agrupación comarcal do Bloque, o feito de que sexa xustamente esta vía a que ten unha data de finalización máis tardía segundo os plans da actual Xunta, "ten que ver co papel marxinal que se lle asigna ao norte galego na planificación de infraestruturas, o que provoca un aumento do papel residual da comarca e do seu atraso comparativo con outros territorios".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: