Un novo portal do Ministerio de Traballo permitirá a tramitación en liña, aínda que a potestade última depende das comunidades autónomas.
Para xestionar as prestacións por desemprego xa non será necesario pasar longas colas nas oficinas de emprego. O Ministerio de Traballo presentou a nova web do Servizo Público de Emprego Estatal, Redtrabaj@, que inclúe, entre outras novidades, este trámite dixital, aínda que a posibilidade de darse de alta definitiva no paro dependerá de cada comunidade autónoma.
Segundo explicou a secretaria xeral de Emprego, Maravillas Rojo, as comunidades autónomas poderán optar por "manter as obrigas de tramitación administrativa", polo que será preciso acudir persoalmente ás oficinas nesas áreas.
Polo momento, o servizo só permite solicitar prestacións contributivas. O resto dos subsidios iranse sumando "ao longo dos vindeiros meses". Rojo afirmou que Redtrabaj@ vai supoñer un "cambio tecnolóxico e cultural" na relación entre a cidadanía e as administracións e que vai "contribuír" á igualdade profesional. Así, cifrou en 20 millóns de persoas as potenciais usuarias, unha vez remate o período de proba "duns meses".
Noutros estados europeos, como o Reino Unido, os Países Baixos, ou Suecia xa se ofrecen este tipo de servizos na internet.