Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Contrato de 10 millóns de dólares

Os EUA poñerán en marcha webs propagandísticas camufladas

O Comando de Operacións Especiais especifica que as páxinas, en diversos idiomas, "orienten" a cidadanía a prol dos intereses dos EUA.

Redacción - 11:30 28/09/2009

O goberno dos Estados Unidos contratou unha empresa para cree webs que difundan propaganda a prol dos EUA. Ademais, rastrexará e almacenará datos persoais das persoas que visiten a web da Casa Branca a través de redes sociais.

O Comando de Operacións Especiais (SOCOM) asinou coa empresa General Dynamics un contrato de 10 millóns de dólares (6,8 millóns de euros) para xestionar esta rede de sitios web. O obxectivo é apoiar as operacións especiais estadounidenses en determinados países do mundo. O Reino Unido e Francia foron designadas como "áreas obxecto de aprendizaxe".

Segundo informa a web francófona Planète Non Violence, a difusión da información de propaganda militar deberase presentar como "independente". General Dynamics, a cuarta con máis contratos do goberno federal estadounidense e a quinta mundial no sector da defensa, terá un ano para poñer en marcha a iniciativa.

Especifícase que se han crear entre dous e 12 sitios destinados á propaganda. Tamén se prevé que as webs sexan accesíbeis as 24 horas do día e dispoñan de "programación orixinal, noticias, deportes, entretemento, política, cultura, economía", mediante todas as ferramentas multimedia dispoñíbeis. Ademais, han de estar dispostas a publicar de inmediato toda a propaganda que lle ordene o SOCOM. O organismo militar tamén terá a potestade de aprobar o deseño e o logotipo da web.

O papel deses sitios é influenciar a opinión pública estranxeira usando conceptos aprobados polo goberno estadounidense e combater os "inimigos de internet" que fornecen información que non cumpre cos intereses do exército dos EUA.

Para "orientar" a cidadanía desas áreas empregaranse linguas como o árabe, o urdú, o persa, o ruso ou o malaio, pero tamén o francés, o inglés británico e o chinés. O Pentágono xa dispón de webs informativas nos Balcáns, o Magreb, o Iraq, América Latina e Asia. E todo isto, a pesar do anuncio de Obama de substituír a guerra contra o terrorismo por "operacións de emerxencia".

Por outra banda, unha empresa privada encargarase de gardar durante oito anos os datos persoais das persoas que visiten as webs do goberno dos EUA. Tamén ten contratos con varias redes sociais como YouTube, MySpace, Facebook, e Flickr que permiten controlar as visitas aos sitios do goberno "para fins publicitarios".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: