Mariña Patrimonio denuncia o traslado ilegal de terra do castro da Atalaia até unhas obras dunha nave en Fazouro (Foz).
A península da Atalaia entrando no mar, na vila de San Cibrao
A historia do castro da Atalaia de San Cibrao (Cervo) é, sen dúbida, unha historia chea de despropósitos, absurdos, imprudencias e desatinos. Logo de que se iniciase a construción de tres edificios de cen vivendas enriba do xacemento, logo de esbandallar e facer desaparecer unha boa parte dos achados castrexos, o último episodio que engadir a esta longa cronoloxía de disparates é o traslado dos restos arqueolóxicos procedentes do castro até un polígono industrial. Diso é do que alerta a asociación Mariña Patrimonio, que ven de poñer dúas denuncias perante a Dirección Xeral de Patrimonio e o Seprona, para que se investigue o traslado, supostamente irregular, destes restos.
O presidente desta entidade, Manuel Miranda, subliña que se están a levar vestixios históricos "sen cumprir coa lexislación vixente", dende o propio castro até o polígono industrial de Fazouro, no concello de Foz. Segundo explica, o material poderíase estar empregando para o recheo do complexo industrial, algo "que incumpre claramente a legalidade" e que fai que volva chover sobre mollado. "Estamos sumamente indignados", explica quen xa estivo ao fronte das denuncias contra as licenzas concedidas polo concello de Cervo para a construción dos tres edificios sobre o xacemento arqueolóxico.
Terra, area e restos históricos
Esta terra trasladada até Fazouro procedería da retirada ilegal do castro duns cincuenta camións, segundo explican dende Mariña Patrimonio. Miranda denuncia que estes restos terían sido tapados posteriormente con terra procedente doutro lugar para tentar ocultar o traslado ilegal e que "os materiais arqueolóxicos, mesturados con area do xacemento foron tirados nunha leira fronte á gasolineira de Cervo". Ademais, explica que deses escollos, o colectivo foi quen de recuperar dous muíños así como fragmentos de cerámica".
O Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) xa está investigando o acontecido. Este martes realizaron a primeira inspección ocular e traballan agora na xuntanza de datos para coñecer quen está a retirar o material, quen deu a orde, quen autorizou o traslado, cara onde se dirixe e se é certo que ese material é susceptible dalgún tipo de protección por parte de Patrimonio.
Vídeo: recuperamos a conversa cos veciños de San Cibrao na que nos explicaban como se está a destruír o castro da Atalaia