O PP atribúelle o logro á "firmeza" e "capacidade para viaxar a Madrid" do presidente da Xunta.
De "histórico" cualificou o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, o "pacto" pechado entre a Xunta e o Ministerio de Fomento para o estabelecemento dun calendario de investimentos na liña ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Madrid. Para Ruíz Rivas o "acordo por escrito" asinado esta terza feira trae cifras e datas logo de que Galiza "fose esquecida durante cinco anos polo goberno socialista en Madrid coa complicidade os catro últimos anos do bipartito galego".
Fronte a iso enxalzou o voceiro do PP no Parlamento a "firmeza" e a "capacidade para viaxar a Madrid" de Alberto Núñez Feijoo, para "expor sen paliativos as necesidades de Galiza na procura de solucións". "Froito desa determinación é un acordo que vai supoñer o principio da fin dos traballos", asegurou Rivas. De paso, valorou Rivas o "talante do presidente" pola cesión á oposición de postos na comisión de seguimento dos traballos do TAV.