É unha das máis importantes promesas que o presidente dos EUA levou en campaña, e pretende garantir que 46 millóns de persoas sen seguro teñan acceso ao sistema sanitario.
O proxecto de lei para a reforma do sistema de saúde dos Estados Unidos, unha das máis importantes promesas de campaña do presidente Barack Obama, entregouse esta terza feira no Congreso. O obxectivo xeral deste plan é garantir que os 46 millóns de estadounidenses que non posúen seguro médico, poidan acceder ao sistema sanitario.
Con 165 páxinas, o documento ten por obxectivo "poñer á disposición de todos os americanos un sistema de saúde de calidade e economicamente accesíbel, reducir os custos, mellorar a calidade dos servizos e dispoñibilizar medicina preventiva", cita a axencia de noticias AFP. No Senado, onde foi entregado, ten o apoio do senador Edward Kennedy, irmán do ex Presidente, que preside, á súa vez, a Comisión de Saúde.
"Xa era hora de facer esta reforma", comentou o líder da maioría demócrata no Senado, Harry Reid. A última tentativa seria de meterlle man ao deficiente sistema sanitario dos EUA foi hai 16 anos, cando Bill Clinton estaba na Casa Branca e encargou á súa dona, Hilllary Clinton, esta tarefa. Mais a reforma, por todos desexada, e polos máis variados motivos, non avanzou naquela altura.
Os republicanos opóñense á reforma
A nova maioría demócrata desexa poñer en práctica un sistema de saúde pública, semellante ao que existe en Europa, o que é, por outra banda, unha meta moi criticada polos republicanos. "Os americanos non queren iso. Preocúpanse polo que podería custar un sistema así e porque o Estado tome o control das súas vidas", declarou o número dous da minoría republicana no Senado, Jon Kyl.
Na cámara baixa do Congreso (a Cámara dos Representantes) foi tamén presentado na terza feira un primeiro esbozo dun proxecto de lei no mesmo sentido. A nova lexislación sobre saúde, que se ha discutir en ámbalas dúas cámaras, podería estar aprobada a finais de ano.