As alegacións ao plan terminan esta cuarta feira, e xa suman catro mil, entre elas as de varios concellos, as dos mariscadores do Burgo, veciños e ecoloxistas.
Esta cuarta feira termina o prazo para presentar alegacións ao proxecto de ampliación do aeroporto de Alvedro, proxectada por Aena, e están xa suman catro mil. Mais aínda fican por chegar as que sexan remitidas polos rexistros da delegación do goberno español na Coruña, polo Concello de Culleredo e pola propia Xunta. Porque é que case ninguén entende esta ampliación de Alvedro, o segundo aeroporto máis pequeno da Península Ibérica, por detrás do de Donostia, e a un pouco máis de 30 minutos do de Lavacolla, en Compostela.
Ninguén, agás os membros do goberno municipal da Coruña, o único lugar onde aínda defenden este proxecto. A favor tamén está Aena, de quen parte o proxecto, que se escuda en que a ampliación está mesmo por baixo dos 500 metros que contemplaba o Plan Director deste aeródromo, e que con ela liberaríase a pista de trafego, facendo máis lixeiras as manobras de despegue a aterraxe. Tamén xustifican o proxecto por eles mesmos redactado, calculando que, cando entre en funcionamento a nova pista, medrará un 35% o número de pasaxeiros, e en 2020 superarán os dous millóns anuais, case o dobre que na actualidade. En troques, a estatística presentada o mes pasado -e referida aos catro primeiros meses do ano-, reflicte unha caída do 20% no número de pasaxeiros.
Catro mil alegacións contra a ampliación de Alvedro
Aena comprometeuse a revisar todas as alegacións que cheguen, e no caso de que o proxecto supere o trámite ambiental, as obras de ampliación de 400 metros da pista de aterraxe licitaríanse para o ano, e terminarían en 2014, levando por diante 46 casas, unha fábrica e unha escola e varias terras de cultivo. Sen falar do levantamento dun talude de grande altura, que quedaría pegado a algunhas das vivendas.
Estes serían os danos sociais, porque os ambientais, segundo a asociación ecoloxista Adega, son cuantiosos. Alén da contaminación sonora e do ar -que se duplicaría, ao se duplicaren tamén o número de voos-, ao se ampliar a pista deitaríanse algo máis de catro millóns de toneladas de sedimentos áridos polo medio do Val do Mero, que, nalgúns puntos, formarían taludes de case 50 metros de alto, unha alteración da paisaxe, segundo Adega, inasumíbel. Alén disto, as toneladas de terra, deitadas durante os tres anos, case catro, que duren as obras, provocarían un aumento de sedimentos na Ría do Burgo, que provocaría, á súa vez, un considerabel crecemento da mortalidade dos bancos marisqueiros, a un nivel moito maior do que aconteceu nas rías de Arousa e Muros despois da vaga de lumes de hai dous anos, que terminou coa cobertura vexetal e deixou vía libre á auga; ou despois dos taludes creados na construción da autovía Ferrol-Vilalba, que afectaron o curso do Eume.
"Pretenden aumentar o tráfico ao duplo, baseándose en previsións absolutamente irreais"
Ademais disto, e segundo lle contou a Vieiros o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, "as xustificacións que se esgrimen para realizar esta ampliación son absolutamente infundadas, porque se basean no previsíbel aumento da demanda de pasaxeiros, dando datos ficticios, e estando como estamos nun contexto de crise". Alén disto, Eirexas tamén lembrou que, de aquí a seis anos, segundo se proxecta, o TAV chegaría a Galiza, cubrindo a demanda interna "de conexións dentro da Península", e a demanda de viaxes no aeroporto de Alvedro baixaría, "como xa aconteceu en Barcelona ou en Sevilla".
Sendo tantas as alegacións, e tan desfavorábel o parecer dos concellos afectados (Cambre, Culleredo, Oleiros e Cerceda), ademais da consideración que recolle o informe previo de Aena, que di que a ampliación "terá consecuencias ambientais e sociais de elevada magnitude", Eirexas non sabe con certeza por que se continúa con este proxecto. "Por que, con tantas alegacións en contra, se quere seguir? A que se debe? Por que se empeña Aena nestas obras?", pregúntase o ecoloxista, sinalando que a continuidade da ampliación "ten que deberse a algo máis que a vontade localista dos coruñeses".
Cómpre lembrar que a coalición PSdeG-BNG que goberna o Concello da Coruña foi a única que apoiou a ampliación do aeroporto de Alvedro, pero alén do "localismo puro e duro", segundo Eirexas hai un "pelotazo urbanístico encuberto".
Un posíbel "pelotazo urbanístico encuberto"
"Toda esa terra, coa que van encher a pista, eses 400 metros, sacarana duns montes que hai por riba da terminal actual de Alvedro, tal cal coma se lle metesen unha gadaña, rebaixándoo 20 metros sobre a altura actual e creando unha enorme explanada ao pé do aeroporto", explicou o ecoloxista. "Daquela, crearase unha zona perfecta para edificar, sexa un polígono industrial, sexa unha grande área residencial, a poucos quilómetros da A6, a nada da cidade e apegada ao aeroporto", continuou Eirexas, concluíndo: "Será unha zona ás portas da Coruña, perfectamente comunicada, é dicir, un terreo acondicionada para construír: unha zona moi apetecíbel".
"Cando todas as explicación plausíbeis fallan", continuou Fins Eirexas, "cando Aena non atende á demanda dos concellos, ao rexeitamento social, e aos custos políticos das organizacións que defenden este proxecto, a única explicación que queda é saber se responde a unha manobra política especulativa, se a ampliación é unha mala escusa para meterlle man a esta área, mais non sei se nos equivocamos", recalcou Eirexas.
Para terminar, dende Adega indicaron que, sendo tantas as alegacións en contra, agardan que Aena desista de executar estas obras en Alvedro, mais no caso de non ser así, "cando menos agardamos que revisen o Estudo de Impacto Ambiental", dixo Eirexas, lembrando que, "se se tivesen en conta criterios ambientais, esta obra debería desbotarse".