Arnold Schwarzenegger, gobernador do Estado máis endebedado do país, asegura que a decisión non tería que ver cos cartos.
A marihuana poderíase adquirir en tendas
O Estado de California (EUA) podería legalizar a venda de cannabis, que o levaría a recadar unha importante cantidade de impostos e serviríalle para reducir a súa crecente débeda de 60 mil millóns de dólares (máis de 45 mil millóns de euros).
O gobernador Arnold Schwarzenegger anunciou ante os medios de comunicación que era tempo de abrir ao debate público a proposta. "Coido que deberiamos estudar moi coidadosamente o que outros países están a facer, legalizando a marihuana e outras drogas, que efecto tivo esa decisión e se están contentos con tela tomado", dixo.
California foi o primeiro estado en permitir o uso de marihuana con fins médicos, en 1996. Os médicos poden receitar a droga para doenzas diversas como migraña, artrite, glaucoma e cancro. De haber unha mudanza na lei, os maiores de 21 anos poderíana adquirir, o que suporía ingresos fiscais por valor de mil millóns de euros.
No entanto, Schwarzenegger, que admitiu ter fumado marihuana de mozo, insistiu en que calquera decisión que se tome non estará baseada na situación económica das arcas do estado californiano, que é o que rexistra o maior déficit de todos os dos EUA.