Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Alerta sanitaria a nivel mundial

O BNG pídelle máis información á Xunta sobre a gripe do porco

Os nacionalistas reclamáronlle ao Goberno a posta en marcha dunha campaña divulgativa para achegarlles aos cidadáns datos sobre o virus H1N1.

Redacción - 09:15 29/04/2009
Baixando do metro, en México DF, coas máscaras postas para evitar o contaxio da gripe do porco

Baixando do metro, en México DF, coas máscaras postas para evitar o contaxio da gripe do porco

O BNG reclamoulle ao Goberno a posta en marcha dunha campaña divulgativa para achegar datos sobre a gripe do porco. A voceira da agrupación en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, rexistrou unha pregunta parlamentaria sobre os protocolos postos en marcha arredor deste brote de gripe, e a información facilitada á poboación por parte da Xunta.

Ana Luisa Bouza resaltou a necesidade de que todos os galegos teñan información "de primeira man" sobre este tema e instou ao Goberno "a facilitar o coñecemento" e así o acceso da cidadanía á páxina web e o teléfono existente co fin de "informar, entre outras cuestións, sobre as medidas preventivas de contaxio". Nesta liña, tamén lembrou que o contacto do noso país con México é considerábel, polo que insistiu na necesidade de que se dea a información solicitada.

O PPdeG pide a comparecencia da directora xeral de Saúde Pública
O grupo popular solicitou, polo seu lado, a comparecencia parlamentaria da directora xeral de Saúde Pública e Planificación da Xunta, Sagrario Pérez Castellanos, para que explique na Cámara galega o dispositivo habilitado pola Administración sanitaria tras a aparición de casos de gripe do porco no Estado Español, e o posíbel caso, aínda non comprobado, dun veciño de Mos (Vigo).

Nesta liña, o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, quixo gabar a política de "transparencia total" impulsada pola Consellaría de Sanidade en relación con esta situación, considerando que "o mellor xeito de transmitir confianza e tranquilidade" á sociedade "pasa por ofrecer ás familias toda a información dispoñíbel, sen alarmismos, pero sen ocultar elemento ningún". Por iso, os populares estiman que a comparecencia da directora xeral de Saúde Pública no Parlamento "pode contribuír a xerar o clima de confianza e tranquilidade que, á vista dos datos, debe rodear este tipo de episodios".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: