O concello de Neda acolle, xoves e venres, dúas mesas de debate sobre a escritora, coa participación de Manuela Palacios, Carmen Blanco ou Susana Pérez Pico.
Quizais o mellor punto de partida para achegarse á personalidade e á obra de Virginia Woolf é o seu ensaio Un Cuarto de Seu, un conxunto de relatorios no que ligaba a posibilidade de existencia dunha literatura feita por mulleres á súa independencia económica: "unha muller debe ter cartos e un cuarto de seu se quere escribir ficción". Woolf defende que o xenio literario non é un don natural, senón o resultado dunhas condicións sociais concretas. O libro dá nome ás dúas mesas redondas nas que este xoves e venres profesores e tradutores debaterán na Casa da Cultura de Neda a obra e a personalidade da autora, sen dúbida unha das máis fascinantes do século XX.
Un Cuarto de Seu fixo que nos anos setenta a obra de Woolf fose reivindicada especialmente polo énfase que puxera no impacto das condicións materiais de produción sobre a consciencia da artista, pero tamén pola reivindicación dunha linguaxe feminina, e igualmente por cuestionar as convencións sobre a identidade sexual. Así e todo, unha parte da crítica feminista criticoulle a Woolf que o seu concepto da arte andróxina e anónima constituía unha fuxida e non unha liberación do dilema sobre a identidade sexual polarizada. En Un Cuarto de Seu a autora presenta a súa idea de androxinia como a dun home e unha muller que, vindo de lugares distintos da cidade, se xuntan e soben a un taxi, chegando grazas a esta unión a unha harmonía e confortando así á narradora que afirma: "é natural que os sexos cooperen". Manuela Palacios, que participa na mesa do xoves, cuestiona esta visión, por "vaga e confusa" e pregúntase se pode haber a tal "harmonía" cando "un dos poderes predomina sobre o outro".
A androxinia é especialmente visíbel en Orlando, un personaxe que na novela comeza sendo home para pasar a ser muller, adquirindo unha identidade andróxina. Orlando, que protagoniza o final das xornadas coa proxección do filme de Sally Potter, publicouse en 1928, nun momento en que a autora mantiña unha relación moi estreita con Vita Sackville-West, que namorou de Woolf e lle propuxo unha relación abertamente lesbiana; en 1928 celebrouse tamén en Londres o xuízo por obscenidade contra a escritora Radclyffe Hall, que trata o tema do lesbianismo en The Well of Loneliness. Especúlase con que Woolf empregou o recurso da androxinia para explorar a homosexualidade nesta obra sen espertar os receos que desataba o tema.
Os debates, xoves e venres en Neda
Na primeira sesión, o xoves pola tarde, participarán Manuela Palacios González, profesora de Filoloxía Inglesa da USC, José Manuel Sande, programador do CGAI e Purificación Mayobre, escritora, profesora da Universidade de Vigo. Ademais, os alumnos do IES Fernando Esquío exporán a través dunha serie de relatorios as conclusións que tiraron despois de semanas de lectura das obras de Woolf. Ao finalizar o coloquio, José Luís Vázquez Lorenzo e Andrés Pazos Bellón ofrecerán un concerto de clarinete e piano centrado na 'Música inglesa da primeira metade do século XX'. Todas as actividades celébranse na Casa da Cultura.
O venres, de novo a partir das cinco da tarde, celebrarase unha nova mesa de debate na que participarán Susana Pérez Pico, da Universidade de Vigo, especialista en cine e literatura; a escritora e profesora Carmen Blanco; e María Cuquejo Enríquez, tradutora e profesora de Lingua e Literatura no ensino medio. As xornadas pecharanse coa proxección de Orlando a versión cinematográfica realizada en 1992 por Sally Potter da novela de Woolf.
Oitava edición das xornadas literarias
En 2003 foi Cortázar, en 2004 Joyce, en 2005 O Quixote, en 2006 Kafka, en 2007 Proust e en 2008 Faulkner. As obras dalgúns dos máis importantes autores da literatura universal pasaron por Neda (un concello de menos de seis mil habitantes) nos últimos cinco anos, e con eles expertos internacionais e os estudosos e tradutores galegos que máis teñen traballado estes autores. As Xornadas Literarias do Concello de Neda contan coa colaboración da Facultade de Humanidades de Ferrol.