Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
UNIVERSIDADE DE MELBOURNE

Navegar por internet no traballo mellora a produtividade, segundo un estudo

A investigación asegura que facer uso de redes sociais ou ver vídeos serve para desconectar do labor e contribúe a aumentar o nivel de concentración nas tarefas diarias.

Redacción - 08:00 03/04/2009

O uso de redes sociais da internet como Twitter ou Facebook durante o traballo mellora a produtividade, segundo un estudo da Universidade de Melbourne que considera proveitoso o uso da rede en horario de oficina. Concretamente, as persoas que usan internet por motivos persoais no traballo son un 9% máis produtivas, segundo a publicación.

O autor do estudo, Brent Coker, asegura que "a navegación ociosa por internet no lugar de traballo" axuda a axustar a concentración dos traballadores, porque a xente precisa "distraerse un momento" para volver ao seu traballo. Eses "descansos breves e non intrusivos", como unha rápida navegación pola rede, permiten descansar a mente e levala a unha concentración neta máis alta para a xornada laboral, o que contribúe a un aumento da produtividade, segundo Coker.

O estudo foi realizado entre 300 persoas empregadas, aínda que as súas conclusións coinciden coas doutros traballos que aseguran que navegar por internet mellora o rendemento do cerebro. "As empresas gastan moitos cartos en software para impedirlles aos seus empregados ver vídeos, usar redes sociais ou mercar na rede, co argumento de que baixa a produtividade", asegurou Coker, "pero non é sempre ese o caso".

De calquera xeito, o estudo refírese a persoas que navegan con moderación, menos do 20% do tempo de traballo. Doutro xeito, "compórtanse con tendencias de adicción á internet", o que redunda nunha produtividade inferior.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: