Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Durante seis meses

O cadro de persoal de Sargadelos acepta un ERE temporal

Os traballadores e traballadoras das plantas de Sada e Cervo pararán 10 días ao mes, durante medio ano.

Redacción - 16:30 01/04/2009
Unha traballadora da fábrica de Sargadelos, na Mariña

Unha traballadora da fábrica de Sargadelos, na Mariña

O cadro de persoal do Grupo Sargadelos, que confórman 228 persoas, divididas nas fábricas do Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña) -onde traballan 112 persoas-; e en Sargadelos, en Cervo (A Mariña) -onde traballan 116 persoas-; aceptaron esta terza feira un Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

A medida pretende darlle saída ao excedente de produción acumulado pola compañía, ante a caída das vendas a comezos deste ano. Aínda está por se aprobar, mais, unha vez comece a funcionar, durará seis meses, tempo no que cada un dos traballadores e traballadoras de Sargadelos deixarán de acudir ao seu posto de traballo uns 10 días cada mes, en total.

Segundo lle contou a Vieiros María José Prado, representante da CIG no Comité de Empresa da fábrica de Sargadelos, había, nun primeiro momento, tres opcións. Unha primeira segundo a que se reduciría a xornada laboral un terzo, axustando o tempo traballado, de tal xeito que cada empregado pare tres deses seis meses; unha segunda, que propuña unha xornada continuada de sete horas, durante o medio ano que dure o ERE, e que deixaría a deber 60 horas á empresa; e unha terceira, que foi a escollida finalmente pola asemblea de traballadores en Sargadelos -e á que posteriormente se uniron os traballadores do Castro-, na que estes han traballar a xornada laboral normal, parando 10 días cada un dos seis meses, e indo dous meses ao paro.

Co ERE, segundo contou Prado, a empresa ha "aforrar cartos", porén, agardan que tamén vaian baixando os stocks acumulados, porque non todo o mundo é optimista, e hai quen pensa que con esta medida o grupo non vai dar saído da crise que atravesa.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: