O curso comezará o primeiro día do outono nas titulacións adaptadas ao Espazo Europeo e o 1 de outubro no resto, e finalizará o 7 de xuño.
O próximo curso, nos novos estudos oficiais de grao e máster na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desaparecerá a convocatoria de exames de setembro que se adiantará á primeira quincena do mes de xullo.
Así o acordou esta cuarta feira o Consello de Goberno da USC nunha xuntanza en que se aprobou o novo calendario académico 2009-2010, que comezará o 21 de setembro de 2009 nas titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e o 1 de outubro no resto. En ambos os dous casos as clases finalizarán o 7 de xuño.
O Consello tamén aprobou o límite de prazas tanto para as titulacións de grao coma para as licenciaturas e diplomaturas. Trátase dun documento "flexíbel" que se aplicará, segundo destacaron, na medida en que se vaian implantando as novas titulacións previstas.
No caso dos graos, non terá límite de prazas Matemáticas; Física, Filosofía; Lingua e Literatura Española; Lingua e Literatura Galega; Lingua e Literatura Inglesa; Lingua e Literaturas Modernas; Filoloxía Clásica; Administración e Dirección de Empresas e Relacións Laborais e recursos Humanos, as dúas últimas do Campus de Lugo.
O límite de prazas afectará aos graos en Bioloxía (150); Psicoloxía (150); Química (125); Ciencia Política e da Administración (100); Xornalismo (100); Comunicación Audiovisual (40); Xeografía e Ordenación do territorio (50); Historia da Arte (80); Historia (100); Administración e Dirección de Empresas (300, no Campus de Compostela); Economía (125); Pedagoxía (75); Educación Social (75); Enfermaría (150, en Compostela; 75, en Lugo); Enxeñaría Informática (60); Relacións Laborais e Recursos Humanos (100, en Compostela).
Límite de prazas nas licenciaturas e diplomaturas
En canto ás licenciaturas e diplomaturas, diminúe lixeiramente o límite nas titulacións de Enxeñaría Química e Mestre nas especialidades de Educación Física, Infantil, Primaria e Lingua Estranxeira do campus de Lugo. Pola contra, pasan a ter límite os segundos ciclos de Licenciatura en Química (cinco prazas) e de Enxeñaría Técnica en Química Industrial (nove).
Por outra banda, a USC ofertará 1.110 prazas para o Servizo Universitario de Residencias. Todas elas serán adxudicadas en función do expediente académico e da renda persoal dispoñíbel, oscilando os prezos entre os 45 e 286 euros.