 
 
A Mesa do Parlamento reflectirá a maioría absoluta que o PPdeG obtivo nas pasadas eleccións do 1 de marzo.
Os populares ocuparán tres dos cinco postos co que conta este órgano, mentres que o PSdeG estuda ceder un dos dous que lles corresponden ao BNG. Segundo o regulamento da Cámara, o día da constitución do Parlamento, o próximo 1 de abril, os membros da Mesa serán elixidos en tres roldas de votación. Na primeira, é escollido o presidente despois de que cada deputado escriba un nome nunha papeleta; mentres que os dous vicepresidentes se seleccionan a través do mesmo procedemento, pero simultaneamente, ao igual que o secretario e o vicesecretario. 
  
  Desta forma, aos populares corresponderíalles a Presidencia do Parlamento, a Vicepresidencia Primeira e a Secretaría; e os socialistas obterían a Vicepresidencia Segunda e a vicesecretaría. Non obstante, fontes do PSdeG consultadas por Europa Press móstranse partidarios de repartir a súa representación co BNG, para o que remiten a futuras reunións entre os grupos. 
  
  O primeiro paso para constituír o Parlamento da VIII Lexislatura darase o próximo xoves, cando se efectuará a asignación provisional de escanos. Esta decisión será adoptada pola Mesa da Deputación Permanente, que se reunirá cos voceiros que designen cada un dos tres grupos e que non teñen por que ser os mesmos que o día da sesión constitutiva da Cámara nin o resto do mandato. 
  
  Media hora antes desta reunión, a Mesa da Deputación Permanente reunirase nunha sesión anterior para, entre outros temas, detallar os resultados electorais xerais e por circunscricións do pasado 1 de marzo, así como os deputados electos. Tamén tomará coñecemento das credenciais, da declaración de actividades e declaracións de bens patrimoniais dos deputados.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto