O colectivo feminista tamén se pronunciou contra a campaña antiaborto emprendida pola Conferencia Episcopal Española, por ser unha "loita contra os dereitos da muller".
O Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller, Alecrín, pronunciouse esta terza feira sobre a campaña desenvolvida pola Conferencia Episcopal española contra o aborto. A súa presidenta, Ana Míguez, lembrou que "representantes importantes da Igrexa" xa tiñan recibido, máis dunha vez, o premio negativo que este colectivo outorga ás persoas caracterizadas polo seu machismo, o Alacrán.
Alén disto, Míguez lembrou que as autoridades eclesiásticas someteron, "durante séculos " ás mulleres, "a través do confesionario", e sinalou que o que os curas prefiren que "os nenos morran de fame ou da sida". Na súa opinión, a Igrexa non é máis que "a representación máis clara do patriarcado machista".
Desaparece o premio Alacrán
O premio negativo que outorga o colectivo Alecrín dende hai 20 anos, o Alacrán, que foi entregado en 1999 ao párroco de Vedra e Lestedo (A Coruña), por tratar de "convencer a mulleres maltratadas de que non presentasen denuncia contra os seus agresores"; no 2001 a Xosé Gea Escolano, bispo de Mondoñedo, pola súa "belixerancia contra os dereitos fundamentais das mulleres"; e en 2004 ao presidente da Conferencia Episcopal española, Rouco Varela, por defender que "a violencia, os abusos sexuais e a homosexualidade son froito da revolución sexual", desaparece nesta edición.
Segundo explicou Míguez, o premio esvaécese porque "xa cumpriu o seu papel de castigo". "Queremos ser positivas, aínda que imos seguir denunciando calquera actitude contra as mulleres", afirmou a presidenta de Alecrín, ao tempo que descartaba que esta decisión teña a ver coas críticas que recibiu, nos últimos meses, esta asociación.
Porén, este ano segue a haber premio Alecrín, e seralle concedido ao doutor Carl Djerassi, considerado o pai da pílula anticonceptiva, pola súa contribución aos dereitos femininos, e por facer "un descubrimento básico" que supuxo "un antes e un despois" na vida das mulleres. Alén disto, haberá unha mención especial para Macamen Blanco Gracia, polo seu "compromiso cívico na loita pola liberdade e a democracia", e polo seu traballo no feminismo.