Porén, mantén que os pais poderán elixir o idioma en que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir até os tres anos, e o das materias troncais.
O líder do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, avanzou esta quinta feira na Cadena COPE que non se separarán os alumnos por razón de lingua para "non duplicar" o sistema educativo. "Os recursos da Xunta son limitados", argumentou. O que non explicou é como vai facer para manter esa "liberdade lingüística".
Durante a entrevista no programa La Mañana, que dirixe o xornalista Federico Jiménez Losantos, e na que tamén participou entre outros o director do xornal madrileño El Mundo, Feijoo salientou que os colectivos que criticaron a política lingüística de socialistas e nacionalistas defenden tanto galego como castelán, algo que exemplificou ao aludir á propia denominación de Galicia Bilingüe.
O líder popular explicou que non "gusta" dun modelo baseado na segregación, como o que, ao seu xuízo, permitiu o bipartito. "Aínda que só para os pais que quixesen todas as materias en galego", engadiu. Tamén esgrimiu as dificultades "técnicas" para desbotar a separación dos estudantes segundo o idioma.
"Liberdade sen matices"
Núñez Feijoo defendeu, no entanto, un modelo "no marco da liberdade lingüística" e, aínda que recoñeceu que existe "expectación" por coñecer a súa proposta nesta materia, garantiu que non variará moito do exposto na campaña electoral. Neste senso, dixo que abrirá un "período de reflexión" sobre a cuestión lingüística co ánimo de garantir "liberdade sen matices".
As mudanzas comezarán coa derrogación do decreto do galego no ensino que, na súa opinión, xerou un conflito lingüístico en Galiza "non coñecido". "Non quero ningunha imposición en clase", polo que repetiu que "se remataron as galescolas" ou "permitir que todas as materias troncais se dean en galego", xa que estes casos "rompen o equilibrio lingüístico".
O futuro presidente do Goberno mostrouse decidido a modificar o actual sistema, e avanzou que a súa proposta se baseará en tres premisas básicas: os pais elixirán o idioma en que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir na educación de 0 a 3 anos; preguntaríaselles tamén sobre a lingua que prefiren para as materias troncais; e os alumnos poderanse dirixir ao profesor e facer o exame tanto en castelán como en galego.
Na opinión de Núñez Feijoo, é "de sentido común" que os pais elixan a lingua na que deben de estudar os seus fillos, e tamén é "razoábel" que sexa o alumno o que decida en que lingua se comunica co profesor e fai o exame. Neste senso, recordou que cando el estudaba "non era posíbel falar galego na escola". "Só no recreo", comentou, algo que "comezaba a acontecer en determinadas vilas de Galiza, "mais co castelán". En troques, preferiu "centrar a discusión" no inglés.
Feijoo, que utilizará o galego no Parlamento "con carácter xeralísimo", aínda que as notificacións administrativas da Xunta serán tamén en castelán, prometeu compaxinar a defensa do bilingüismo coa promoción do galego, que "se manterá". Recoñeceu neste senso que existe "unha perda do uso do idioma galego", mais atribuíuna a "unha mala política lingüística e á imposición do idioma" por parte do bipartito.
O Audi A8, á venda
Por outra banda, o líder do PPdeG comentou que tentará vender o coche oficial do presidente do Goberno en funcións, Emilio Pérez Touriño, a través da concesionaria, antes de recorrer á poxa pública. "Poucas persoas" poderían comprar "un coche desa categoría", polo que optou por recorrer á fábrica, que "pode coñecer clientes que necesiten este tipo de vehículos", un Audi A8 blindado.
Ao respecto, a secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín, nunha entrevista na canle de televisión Tele 5, acusou o Feijoo de facer "moita demagoxia" neste tema, de xeito que "agora non pode cumprir" as súas promesas. O futuro presidente da Xunta afirmara que quería usar un Citroën C-6, porén este modelo non se fabrica en Vigo.