Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GRAVE ENGANO

A área técnica de Sogama ocultou informes de vertidos tóxicos dende 2003

O presidente da sociedade pública comunicou o despedimento fulminante a dous altos cargos e puxo os feitos en coñecemento da Xustiza.

Redacción - 19:00 27/01/2009

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) informou este martes á tarde do despedimento fulminante do xefe da área técnica, Ramón Pérez Mariño (número 4 no escalafón), e do xefe de calidade e medio ambiente, que accederon aos seus respectivos postos no ano 2001 e en xuño de 2005 respectivamente, antes da chegada do actual presidente, Xosé Álvarez.

"Comprobouse que, dende o ano 2003, a área técnica ocultou, tanto á Dirección da empresa coma á Consellaría de Medio Ambiente e a Augas de Galicia, informes analíticos procedentes do vertedoiro de Areosa cuxo resultados se atopaban fóra dos límites legais".

Dende esta área técnica, informaron dende Sogama, ademais "alterouse o proceso de control ao repetir as analíticas até que as mesmas chegasen a arroxar uns resultados conformes aos parámetros de vertido autorizados". A empresa, segundo sinalan, non tivo acceso polo momento ás análises efectuadas con anterioridade ao ano 2003, posto que as realizaba directamente a compañía xestora do vertedoiro.

Toda a información e probas documentais foron entregadas por Sogama no xulgado o pasado día 12. O vertedoiro de Areosa, titularidade de Sogama e xestionado pola firma Danigal dende o ano 1998, está operativo dende 1995, aínda que non dispuxo de autorización de vertido até o 2001, cando no mesmo xa se acumularan da orde de 1,3 millóns de toneladas de residuos urbanos.

A nova dá un importante xiro á batalla polo control da política de residuos en Galiza. Con esta decisión, o presidente de Sogama, Xosé Álvarez, bátese frontalmente contra algúns executivos da entidade que acadaran un posto laboral fixo na etapa do PPdeG. De feito, Álvarez acusou publicamente a varios destes directivos de torpedear sistematicamente as súas ordes e de estar "enchufados" polo anterior Goberno.

O xefe da área técnica estaba considerado un dos homes claves dentro da sociedade pública. Cun salario bruto superior aos 72 mil euros anuais, tiña ás súas ordes a todos os enxeñeiros de Sogama e estaba considerado a man dereita do anterior conselleiro delegado, Francisco Bustío: o máximo representante de Unión Fenosa na sociedade, que dimitiu o pasado outono logo de manter durante máis dun ano fortes discrepancias co presidente.


4,95/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: