Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fomento frea o traspaso

A maior flota do Estado pero só dous de cada dez euros en salvamento

A lexislatura rematará sen que a Xunta reciba de Madrid as competencias en materia de Salvamento, malia a unanimidade parlamentaria ao respecto.

Redacción - 09:00 10/12/2008
A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, co presidente da  Xunta , Emilio Pérez Touriño

A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, co presidente da Xunta , Emilio Pérez Touriño

Vai para un ano que o Ministerio de Fomento presentou o Plan de Salvamento Marítimo 2006-2009, proxecto para o que asignou un total de 1.022 millóns de euros. O goberno español deixou así para 2007 e xa no final da lexislatura estatal o impulso a un plan reiteradamente demandado no sector, despois de anos que acumularon unha elevada sinistralidade marítima e a catástrofe do Prestige. Con todo, a inxección que finalmente se fixou neste eido multiplicou por seis a realizada durante a anterior etapa, daquela co PP no poder. Malia iso, a cota asignada para Galiza, 200 millóns de euros, quedou significativamente por baixo do peso da flota do noso país.

Á beira, e independentemente da lentitude no despregue dos recursos, a Xunta mantén na axenda das loitas competenciais desde hai catro anos a demanda a Madrid de Salvamento Marítimo. Unha solicitude que cualificou tamén de "débeda histórica" o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, desde cuxo departamento de Relacións Institucionais se xestionan os traspasos. "É unha conta pendente, só moi parcialmente saldada", laiábase ao respecto hai xa un ano Quintana. Na opinión do vicepresidente, o volume económico do sector en Galiza evidencia a necesidade dun maior esforzo en recursos económicos e materiais para afrontar os déficits neste eido.

"O goberno de Madrid practica unha política de baixa intensidade que adía a procura de solucións e desatende as súas responsabilidades para crear un marco europeo de seguridade marítima que acrecente a protección das nosas costas", repróchalle Quintana ao executivo español. Segundo o voceiro nacional do Bloque, Galiza precisa de competencias e medios que lle permitan desenvolver unha política activa na protección das persoas ocupadas en actividades pesqueiras.

Consenso das formacións políticas
Os tres grupos parlamentarios pronunciáronse no seu momento a prol desta demanda. PPdeG, PSdeG e BNG coinciden na importancia do traspaso competencial, malia que no caso dos populares aproveitan para censurarlle ao Goberno a suposta incapacidade para negociar co goberno español a cesión desta área. Recordan desde o PP que a propia ministra de Administracións Públicas, a ourensá Elena Salgado, rexeitou a realización dese traspaso e mesmo dixo descoñecer a existencia dun compromiso ao respecto deixado polo seu antecesor no cargo, Jordi Sevilla, quen lle asegurara á Xunta que se completaría ese proceso.

A propia conselleira do ramo, Carme Gallego, explicou este martes que a dotación de medios no ámbito do salvamento marítimo mellorou significativamente "respecto aos medios que había na etapa do PP", malia que admitiu que a situación é "mellorábel". Ao fío, recordou tamén que a materia "non é non é competencia da Xunta", senón do Ministerio de Fomento, e que na coordinación dos operativos de salvamento a consellaría limítase a poñer a disposición de Fomento os medios dos que dispón. Así, e ao respecto dos supostos atrasos na atención, afirmou Gallego que debe responder "quen fai os operativos de salvamento", malia que afirmou que segundo a información da que dispón "cumpríronse os protocolos estabelecidos para estes casos".

A necesidade de reducir os tempos de rescate
Hai apenas un par de semanas, o Congreso aprobara unha proposición do BNG na que se instaba o goberno español a verificar a adaptación continua dos operadores dos Sistema Mundial de Socorro (GMDSS) nos buques pesqueiros a fin de reducir os tempos de resposta no mar. Unha iniciativa que saíu adiante na comisión de Fomento con 20 votos a favor e malia os 18 votos en contra do PSOE.

A demanda xorde da necesidade, reiterada xa anteriormente polos nacionalistas, de que o goberno español actualizase as bases de datos do Sistema Mundial de Socorro e se adecuase ás ordenanzas da Organización Marítima Internacional. A proposta achegada polo deputado Francisco Jorquera contou ademais cos votos a favor do PP, que propuxo aumentar o equipo de técnicos cualificados, especialmente radioelectrónicos, "para efectivizar a adaptación do GMDSS".

Jorquera laiouse de que o actual Plano de Salvamento investise "pouco en eficacia". "O Estado Español non só non actualiza as súas bases de datos senón que figura como pais que non informa á Organización Marítima Internacional desde a posta en marcha do Sistema Mundial de Socorro". Na actualidade, a frota pesqueira, case na súa totalidade, e parte da frota mercante non se atopan rexistradas, mentres que paradoxalmente aparecen buques xa fóra de servizo ou que cambiaron de bandeira ou de nome.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: