A Agrupación de Prexudicados pola Incautación recolle dende hai anos copias dos recibos emitidos entón a aqueles que tiveron que entregar o seu diñeiro.
No ano 1938, coa Guerra Civil de contexto, un decreto do Ministerio de Facenda do goberno franquista, con sede en Burgos, ordenou a prohibición da "tenencia de papel moeda posto en curso polo inimigo", así como a incautación de todos os cartos impresos polos republicanos dende o 36. Ante esta orde gobernamental, cidadáns de todo Estado tiveron que entregar os seus aforros ao Banco de España, a entidades bancarias privadas e aos concellos, e nunca cobraron a cantidade abonada, se ben recibiron un recibo oficial que certificaba a cantidade.
En Galiza esta situación afectou a unhas 300 familias, segundo estima a Agrupación de Prexudicados pola Incautación Franquista (APIGF). A súa presidenta, Lidia Jiménez, asegura que moitos dos afectados non reclaman o importe destes recibos ben por descoñecemento ben por deixamento. Con todo, esta organización que se fundou hai catro anos xa conta cunhas dúas mil familias asociadas en todo o Estado (principalmente en Cataluña), que loitan pola recuperación daquela contía económica.
Da vía política á xudicial
A satisfacción de recuperar o que era seu é a motivación que alimenta a esta organización. De feito aseguran non ter tendencias, xa que contan con membros tanto de dereitas como de esquerdas. Nos seus cálculos, o pago actual daquelas incautacións suporía hoxe uns 14 millóns de euros. Considéranse esquecidos pola Lei de Memoria Histórica, xa que non menciona estas confiscacións e reclaman a actuación das forzas políticas. Até o de agora conseguiron ser escoitados no Congreso dos Deputados e polo Defensor do Pobo, mais malia recoñecerlles a razón ninguén fixo aínda nada para facer efectivo o pago. Na actualidade as súas actuacións redúcense á vía política, mais non descartan acudir á xurídica ante a falta de solucións.