Presentaron un manifesto no que se arrepoñen á decisión da federación de denominala 'Euskadi'. Este ano habían xogar no Nadal contra Irán.
Nun comunicado, emitido esta quinta feira, e asinado pola práctica totalidade dos xogadores do Athletic Club de Bilbao, unha ducia dos da Real Sociedad, outra do Eibar, varios do Deportivo Alavés, algúns internacionais, ex xogadores de renome e varias xogadoras dos equipos femininos do Athletic e da Real, pídese que a selección de fútbol vasca manteña o nome de 'Euskal Herria'. Do contrario, os asinantes aseguran que non van participar no partido que se desenvolve no Nadal, organizado pola Federación Vasca de Fútbol, e que este ano os ía enfrontar a Irán.
Ao parecer, a selección de fútbol sempre se denominou 'Euskadi', a non ser o ano pasado, no que, a petición dos propios xogadores, mudou o seu nome polo de 'Euskal Herria'. Este ano, a Federación Vasca decidiu volver á nomenclatura anterior, cousa que non convenceu aos e ás futbolistas, segundo recolle este comunicado (enteiro, mais en éuscaro): "Eles tomaron a decisión de recuar, eles non cumpriron a palabra dada, e agora son eles os que teñen que arranxalo. Se non é así, nós non imos xogar o partido. E a preocupación vai ser súa", pódese ler neste escrito, enviado aos medios de comunicación do país.
Euskadi ou Euskal Herria?
Ámbalas dúas denominacións son totalmente distintas. A primeira, Euskadi, significa en éuscaro, País Vasco, é dicir, o que administrativamente se coñece como tal no Estado Español, a saber, as provincias de Álava (Arava), Biscaia (Bizcaia) e Guipúscoa (Gipuzcoa).
Euskal Herria, porén, significa "país do éuscaro", descrito pola Sociedade de Estudos Vascos como "un espazo ou rexión cultural europea, situada a ámbolos dous lados dos Pirineos e que comprende territorios dos estados español e francés. Polo tanto, coñécese como Euskal Herria o espazo no que a cultura vasca se manifesta en toda a súa dimensión". Baixo o nome de Euskal Herria englobaríanse, ademais de Euskadi, Navarra (Nafarroa) e as tres provincias que pertencen, administrativamente, á República Francesa (a Baixa Navarra, Nafarroa Beherea; Labort, Lapurdi; e Sola, Zuberoa).