 
 
O vicepresidente receitou "autogoberno" fronte á crise e tamén expuxo que Galiza debe participar na dirección do Banco de España e demais institucións de control de mercados.
 
											A reforma da lei reguladora das caixas de aforro coa fin de intensificar o compromiso destas entidades coa economía produtiva do país e estimular a creación de emprego foi un dos eixos do relatorio exposto este sábado polo vicepresidente da Xunta. Anxo Quintana salientou a necesidade de acometer esa reforma como unha das prioridades do país no ámbito financeiro e no actual contexto de crise económica.   
  
  Foi durante a súa intervención no acto de clausura do seminario "Outra Europa: a alternativa das nacións sen Estado", onde Quintana aproveitou para expoñer a súa visión sobre a urxencia dun "cambio de estratexia" que na súa opinión pode sumar esforzos en prol da economía produtiva de Galiza a través "dunha alianza coas entidades financeiras galegas". Deste xeito, considera o vicepresidente que se poderían achegar de forma conxunta capitais públicos e privados en apoio de proxectos empresariais "estratéxicos para o noso país".  
  
  Nese sentido, e alén da reforma das caixas, Quintana explicou a necesidade de creación a curto prazo dun "organismo galego de crédito oficial". Segundo debullou, trataríase dun organismo baseado na idea de "portelo único" que una todos os instrumentos de acompañamento empresarial cos que conta o Goberno e que de xeito concreto, favoreza a participación no capital risco ás caixas de aforro.   
  
  Autogoberno como garantía de acción fronte á crise 
  "Ábrese un tempo novo onde o autogoberno é o instrumento máis acaído para controlar e coordinar democraticamente a economía desde as nosas institucións e a través de políticas propias", expresou o vicepresidente do Goberno. Quintana inseriu nese desafío a demanda dun novo Estatuto de nación como ferramenta concreta que garanta o éxito nese camiño.   
  
  Así, na súa opinión, é posíbel recobrar e afondar a misión "regularizadora e estabilizadora" das institucións públicas gañando autogoberno que permita respostas específicas desde o ámbito económico. "As nacións que practicaron políticas máis autónomas son xustamente as que afrontan a crise global en mellores condicións", apuntou ao respecto. Segundo analizou Anxo Quintana, na medida en que se avance na asunción de competencias e cara a un novo modelo de financiamento, Galiza estará máis preparada para impulsar o seu desenvolvemento económico.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto