Unha investigación remonta en máis de 17 mil anos a aparición do primeiro cánido doméstico, atopado nunha cova belga.
Un equipo internacional de científicos descubriu que o can leva sendo animal doméstico máis tempo do que se pensaba. Atopouse nunha cova de Bélxica un can que vivía hai 31.700 anos cos humanos e se alimentaba de carne de cabalo, boi almiscrado e reno, segundo o estudo.
Co descubrimento, remóntase en 17 mil anos a data de primeiro contacto entre o can e o ser humano, pois o segundo máis antigo, atopado en Rusia, data de hai 140 séculos. O can prehistórico, atopado na cova Goyet, suxire que os humanos do período auriñaciano foron os primeiros en domesticar este animal.
Porén, hai diferenzas entre aqueles cans e os actuais. Os prehistóricos tiñan uns dentes moito máis grandes ca os das razas de agora, e aproxímanse ao tamaño da dentadura dos lobos. Ademais, a súa forma era semellante á dos actuais huskys siberianos, pero co tamaño dos grandes cans pastores, segundo un dos autores da investigación, Mietje Germonpré, en declaracións a Discovery News.
Segundo este estudo, a primeira domesticación de cans tería comezado cando os cazadores prehistóricos mataran unha loba e trouxeran os cachorros para a casa.