Un hipotético Galiza-Chile está no aire. As negociacións aínda non están pechadas, aseguran dende a Xunta; porén, a prensa chilena dáo por feito.
Seareiros da selección chilena
Primeiro adiantouno o presidente da Federación de Fútbol de Chile, Harold Mayne-Nicholls, noticia da que informou a Radio Galega. Agora confírmao o máximo dirixente do Sindicato de Futbolistas Profesionais (Sifup), Carlos Soto, en declaracións á Radio Cooperativa chilena.
Soto sinalou que a selección nacional masculina de Chile, coñecida popularmente como La Roja (A Vermella), podería xogar un segundo partido amigábel fronte a un equipo árabe, mais asegurou que o 27 de Nadal estarán en Galiza para xogar contra A Irmandiña.
"O concreto é Galiza o 27 de decembro, mais xurdiu unha alternativa que se está a avaliar, mais aínda non podemos adiantar máis, porque é só especulación", indicou o presidente do Sifup.
Dende a Xunta aseguran pola contra que o acordo está lonxe de se pechar, xa que unha das principais condicións para contar coa selección de Chile, que participen no partido contra a Irmandiña un número determinado de xogadores de primeira liña, non foi ben recibida entre os responsábeis chilenos.
No entanto, sobre a dificultade de armar un equipo entre Nadal e Aninovo, Carlos Soto expresou a súa confianza en contar coa colaboración tanto dos xogadores como do técnico, Marcelo Bielsa.
"Non podemos dicir que afecta as vacacións, porque son tres días, o que si é que é unha data difícil, que recibimos con gusto, porque é un partido benéfico, sabemos que as datas FIFA son máis complicadas, mais hai que aceptalo. Bielsa estará presente, xa que o partido o organizou Harold Mayne-Nicholl e xogará a selección adulta de Chile", afirmou.
Forzar as negociacións
En calquera caso, este tipo de declaracións deben ser tomadas coa cautela debida. É frecuente nestes casos que os encargados de contratar partidos amigábeis para as súas respectivas seleccións nacionais de fútbol, así como os representantes dos xogadores, filtren noticias nos medios locais co fin de fortalecer as súas posicións de cara as negociacións económicas.