 
"Cres que consultar á cidadanía é un delito?", unha das preguntas. Por outra banda, o xuízo contra Ibarretxe, López e Otegi comezará en xaneiro.
 
											Madrazo, este domingo en Bilbo
Militantes e dirixentes de Ezker Batua (EB), federación da formación de ámbito estatal Izquierda Unida e partido membro do goberno vasco, achegáronse este domingo ás urnas instaladas no centro de Bilbo para reivindicar de xeito simbólico o dereito de participación da sociedade. 
  O seu coordinador xeral, Javier Madrazo, propuxo que o parlamento de Euskadi aprobase a lexislatura vindeira unha lei de participación cidadá "integral", para efectuar consultas no país sobre todo tipo de cuestións, co respaldo do seu partido, PNV, EA, Aralar e o PSE. 
A "consulta simbólica", que levaba por lema Participar é o noso dereito, incluía as seguintes preguntas: "Cres que consultar á cidadanía é un delito?"; "Gustaríache dicirlle a ETA que desapareza por e para sempre?"; "Pensas que a túa opinión sobre o trazado do Tren de Alta Velocidade debe terse en conta?"; e "Cómpre escoitar á cidadanía antes de promover a instalación de centrais térmicas e incineradoras?".
  Madrazo indicou que o seu partido non adoptou aínda unha decisión sobre a súa participación nos actos que se poidan levar a cabo o 25 de outubro -data prevista para a consulta- en protesta pola anulación por parte do Tribunal Constitucional da decisión que aprobou o parlamento vasco.
  Xuízo por xuntanza con Batasuna 
Por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi informou este luns que o xuízo oral contra o presidente do goberno vasco, o lehendakari Juan José Ibarretxe, contra os dirixentes do PSE, Patxi López e Rodolfo Ares, e contra os representantes da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, Juan José Petrikorena, Pernando Barrena, Rufino Etxeberría e Olatz Dañobeitia dará comezo o 8 de xaneiro. Están acusados dun delito de "desobediencia" por se reuniren con membros de Batasuna.
 
						
									 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto