Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para evitar os "sentinazos"

Á fin unha idea contra os pequenos Prestiges de todos os días

Proxecto de depósitos de descarga nos portos para evitar os habituais vertidos de aceites e fueis que realizan os buques no mar.

Redacción - 09:00 15/07/2008

Non teñen a repercusión mediática das grandes mareas negras, pero ao cabo do ano deixan grandes cantidades de contaminación nos mares de todo o mundo. Trátase das ocasións nas que os propios barcos, sen accidente de por medio e de xeito "voluntario", provocan contaminación por aceites (o chamado "sentinazo" e contaminación biolóxica. A contaminación por augas oleosas, con graxas e lamas, derívase do baleirado dos tanques e as sentinas, mesmo das augas que os barcos usan como lastre cando viaxan sen carga, e séguese producindo de xeito habitual malia ser ilegal.

Fronte a estas prácticas, existía unha proposta da Axencia Marítima Internacional para obrigar a realizar un transvasamento das augas de lastre lonxe da costa. Con todo, trátase dunha solución complicada, que non chegaría a evitar completamente o dano biolóxico e que mesmo pode provocar danos na estrutura do buque pola oscilación da carga.

Así, investigadores do Centro de Innovación e Servizos de Galicia, CIS, dependente da Consellaría de Innovación, deseñaron o chamado SILCOMAR, Sistema Integral de Loita contra a Contaminación Mariña. A idea é evitar estes vertidos creando depósitos específicos nos portos. De xeito paralelo, os condutos dos depósitos dos buques serían inutilizados coa colocación de válvulas. No caso de que o dispositivo sexa rachado intencionadamente, emitiríase de xeito inmediato unha información por satélite, derivando en sanción para o barco infractor.

Deste xeito, os buques deberían depositar os restos das sentinas conectando o casco a condutos específicos localizados no porto. Os residuos obtidos poderían ademais entrar nun proceso de reciclaxe. A iniciativa contou coa colaboración do departamento de Construcións Navais da Universidade da Coruña e mais da Estación Biolóxica da Graña, da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis do 90% do total de vertidos
Pouco despois do naufraxio do Prestige, unha investigación da Universidade Politécnica de Cataluña, incluída no programa da Unión Europea Clean Seas, advertía que paradoxalmente as grandes mareas negras como a sufrida daquela por Galiza suman apenas o 7% do fuel que vai parar ao mar.

Segundo ese estudo, os pequenos e frecuentes vertidos de entre 1 litro e 80 toneladas, implican un impacto ambiental acumulado moito maior. Os investigadores refírense ao chamado "efecto formiga", pequenas pero múltiples infraccións que os buques introducen como práctica habitual e que deixan nos océanos todos os días unha gran cantidade de sustancias perigosas.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: